PLENO

Aprobada a adhesión ao convenio para desenvolver o proxecto "Compostela Rupestre"

20/04/2018 O Pleno da Corporación aprobou na súa sesión ordinaria de abril a adhesión do Concello de Santiago ao convenio para regular o desenvolvemento do proxecto Compostela Rupestre. O acordo será asinado pola Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Val do Dubra e Vedra, co obxectivo de promocionar de forma conxunta o patrimonio rupestre dos diferentes municipios

O convenio, aprobado por unanimidade, establece as condicións polas que se crea unha entidade intermunicipal de servizos consorciados, integrada polos diferentes concellos, apoiados pola Deputación da Coruña. Baixo esta figura impulsarase o proxecto Parque Compostela Rupestre, que pretende poñer en valor un patrimonio arqueolóxico que, malia a estar catalogado, non goza da protección que sería necesaria.

O proxecto foi impulsado inicialmente polos concellos de Santiago, Ames e Teo, e posteriormente incorporou aos municipios de Boqueixón, Brión, Val do Dubra e Vedra. A Deputación comprometeu o seu financiamento, cunha achega de 500.000 euros. A posta en marcha do parque Compostela Rupestre requirirá a redacción dun Plan Director, que servirá de guía no proceso. No caso de Santiago, un dos obxectivos do concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, é a reapertura do centro de interpretación de Villestro.

Compartir: