DEPORTE

Case 850 escolares de Compostela participarán nas actividades do Día da Educación Física na Rúa

20/04/2018 O vindeiro 25 de abril, a praza da Quintana acolle as actividades de celebración do Día Internacional da Educación Física, que se celebra na nosa cidade dende hai varios anos. O evento foi presentado esta mañá pola concelleira de Deporte, Noa Morales, e por Álvaro Rivas, profesor de Educación Física do IES Rosalía de Castro.

As actividades deportivas comezarán ás 9:00 e rematarán ás 14:00 horas, franxa horaria pola que pasarán case 850 nenos e nenas de sete centros de Santiago, repartidos en tres quendas. "O obxectivo da actividade -sinalou Noa Morales- pasa por amosar a importancia da Educación Física para o desenvolvemento integral en todas as idades, fomentar a práctica deportiva e concienciar dos altos índices de sedentarismo no noso país".

A organización corre a cargo dun grupo de alumnos e alumnas de 2º Ciclo Formativo de Grado Superior de Animación en Actividades Físicas e Deportivas (TAFAD) do IES Rosalía de Castro. Tamén participan os colexios San Pelayo, Vilas Alborada, Raíña Fabiola, Nosa Señora dos Remedios, Ramallosa e San José de Cluny.

Trátase do segundo ano que se celebra esta xornada fóra dos centros educativos, concretamente na praza da Quintana, que "é un lugar simbólico e emblemático", en palabras de Álvaro Rivas, quen engadiu que "queremos que os nosos nenos e nenas fagan deporte, xa que non é só unha cuestión persoal, senón social, e Galicia é unha das rexións de Europa con maior taxa de obesidade infantil". Por iso, o profesor do Rosalía de Castro demandou "máis horas de educación física nas aulas para seguir as recomendacións da Organización Mundial da Saúde".

Dende 2011
O Día da Educación Física na Rúa xurdiu en 2011 da man de Fran Flórez, profesor dun instituto asturiano que quixo ensinar aos seus alumnos e alumnas como é o traballo que se realiza na aula. Nesa primeira edición participaron 125 escolares e agora, en 2018, serán arredor de 30.000 en todo o Estado.

Compartir: