PLENO

O Concello de Santiago remite á Xunta os cambios do PXOM no antigo Peleteiro e na Finca do Espiño para a súa avaliación ambiental

19/04/2018 O Pleno da Corporación Municipal acordou hoxe remitir á Xunta de Galicia as modificacións puntuais do PXOM nos ámbitos do vello Colexio Peleteiro e da Finca do Espiño, para que a Secretaría Xeral de Calidade Ambiental inicie os correspondentes procedementos de avaliación ambiental. No caso do PERI-12 de Peleteiro, a decisión foi adoptada por unanimidade, mentres que no relativo á Finca do Espiño o acordo contou cos votos a favor de Compostela Aberta e do PSOE e a abstención de PP e BNG. Todos os grupos da Corporación coincidiron na necesidade de que os documentos de modificación do planeamento sexan acordados co tecido asociativo, antes da súa aprobación inicial.

No caso de Peleteiro, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade reiterou que "o obxectivo é reducir o aproveitamento para uso comercial, que en 2005 se fixou nun máximo de 12.000 metros cadrados, nun total de 23.500 metros cadrados edificables". Para iso, "limitarase o uso comercial á planta baixa e semisoto, e ampliarase a superficie para vivendas, garantindo que un mínimo do 20 por cento sexan protexidas". Jorge Duarte incidiu en que "na documentación remitida á Xunta figuran varias alternativas para resolver urbanísticamente este ámbito, e cremos que a máis acaída é a que menos altera a composición actual do vello Peleteiro".

Na Finca do Espiño, a modificación do PXOM tamén reducirá a edificabilidade, pasando dos 10.500 metros cadrados previstos aos 2.000 metros cadrados. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade sinalou que "se contempla o uso residencial, pero tamén se incorpora a posibilidade de que non haxa novas edificacións na finca". No caso de que finalmente se constrúan vivendas, estarán aliñadas coas actuais do Carme de Abaixo, e reservaríase un 20 por cento para vivenda protexida.

O concelleiro reiterou que a súa intención é que "despois da avaliación ambiental por parte da Xunta, a modificación puntual do PXOM nos dous ámbitos reciba a aprobación inicial do Pleno á volta do verán". Jorge Duarte salientou que a vontade do Goberno "é abrir un proceso de información e participación co tecido asociativo do contorno do vello Peleteiro e tamén da Finca do Espiño para definir cal é a mellor alternativa para cada zona". Tamén os grupos da oposición defenderon a necesidade de recoller as opinións da veciñanza antes de pechar o planeamento dos dous ámbitos.

Modificación do Corredor Atlántico de Mercadorías
Na sesión desta tarde, o Pleno da Corporación aprobou unha declaración institucional pola que o Concello de Santiago se adhire á declaración institucional de apoio e impulso á modificación do Corredor Atlántico de Mercadorías, asinada en outubro de 2017 polos gobernos de Asturias, Castela e León e Galicia. Nela demandábase ao Goberno do Estado que defendera nas instancias europeoas a redefinición deste corredor, fixando como prazo para facelo o ano 2018. A declaración institucional lembra que "o Corredor funciona como plataforma de coordinación entre Portugal, España, Francia e Alemaña con respecto aos investimentos en infraestrutura, superando barreiras técnicas e operativas, promovendo a interoperabilidade e, en definitiva, aumentando a competitividade do transporte ferroviario de mercadorías".

Acordos por unanimidade
O Pleno da Corporación aprobou hoxe por unanimidade todas as proposicións presentadas polos grupos da oposición. Unha delas foi presentada polo PP, para reclamar a recuperación do horario para uso público dos xardíns de Amarante. Pola súa banda, o BNG presentou cadansúa proposición para reclamar as obras de mellora da seguridade comprometidas polo Goberno do Estado para a rotonda de Conxo, e para pedir a activación dos consellos municipais de participación. Por último, recibiu luz verde, tamén por unanimidade, a proposición do PSOE para reclamar ao Ministerio de Fomento a finalización do coñecido como "orbitaliño", o enlace norte da estrada N-550 coa autoestrada AP-9, no ámbito das áreas industriais e empresariais.

Tamén se aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Santiago ao convenio de cooperación coa Deputación da Coruña e os Concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Val do dubra e Vedra para regular o proxecto "Parque Compostela Rupestre". A actuación será financiada polo organismo provincial.

Compartir: