PLENO

A Corporación insta ao Goberno galego a reforzar os recursos materiais e profesionais no servizo de Urxencias do CHUS

19/04/2018 O Pleno da Corporación acordou hoxe instar á Consellería de Sanidade e á xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago a reforzar os medios materiais e humanos no servizo de Urxencias no CHUS, tal e como veñen reclamando os traballadores e traballadoras. Foi a través dunha moción presentada por Compostela Aberta, que contou co respaldo de BNG e PSOE, mentres que o PP abstívose.

No pleno interveu Alberto Rama, en representación dos traballadores e traballadoras de Urxencias. Segundo explicou, "a xerencia do CHUS non cumpriu os compromisos adquiridos en marzo para reforzar o persoal na quenda de noite, e levamos anos sen que se atenda nin aos déficits de persoal en Urxencias nin ás carencias de medios materiais". Rama relatou que "no servizo hai falta de mantemento dun material que ten un uso intensivo, e iso leva a situacións pouco dignas como atender a doentes en padiolas ou cadeiras de rodas en mal estado". Tamén incidiu en que "o servizo de Urxencias do CHUS ten menos dotación de persoal que o dos hospitais de Vigo ou Coruña, tendo un número de entradas similares".

Tamén en relación ao CHUS, o Pleno aprobou por unanimidade unha moción do PSOE para a mellora da accesibilidade universal no complexo hospitalario. Tamén saiu adiante outra proposta dos socialistas en relación á celebración do Día Mundial da Saúde, neste caso cos votos a favor de Compostela Aberta e o BNG e a oposición do PP.

Renda Básica Universal
O Pleno da Corporación municipal tamén aprobou hoxe unha moción presentada por Compostela Aberta para fomentar o debate público e apoiar a resolución do Consello de Europa en favor da Renda Básica Universal. O texto contou co respaldo de PSOE e BNG, mentres que o PP votou en contra. Nel tamén se insta ao goberno do Estado a que desenvolva as medidas necesarias para implantar a Renda Básica Universal, e á Xunta a avanzar tamén nesa liña no marco das súas competencias.

A moción foi elaborada en colaboración co colectivo Renda Básica Universal de Santiago, que estivo representado no Pleno por Manuel López. Na súa intervención, lembrou que "hai dereitos fundamentais que na práctica non son reclamables pola cidadanía, como o dereito a unha vivenda ou á alimentación, que ata agora se entendían garantidos a través dos salarios. Pero ese modelo sempre deixou persoas fóra, e máis despois da crise económica". Para Manuel López, "a Renda Básica Universal é unha pequena revolución social, que permitiría que ser cidadáns de pleno dereito non fora asociado ao status de persoa asalariada". Neses argumentos incidiu a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, que se mostrou convencida de que "a Renda Básica Universal é unha ferramenta imprescindible para eliminar a pobreza, a desigualdade e a exclusión social, e por iso hai que facer pedagoxía sobre ela".

Compartir: