MEDIO AMBIENTE

A Concellaría de Medio Ambiente impulsa un novo proxecto de compostaxe doméstica na zona rural

19/04/2018 A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia está a impulsar un novo proxecto de compostaxe doméstica na zona rural de Santiago, que nunha primeira fase chegará ás parroquias de Grixoa e Figueiras. A iniciativa ponse en marcha en colaboración con Adega, e inicialmente poderán participar cen fogares. O concelleiro Xan Duro presentou onte o proxecto nunha xuntanza na parroquia de Grixoa.

A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia dá un paso máis na súa aposta pola compostaxe, cun novo proxecto pensado especificamente para a zona rural. No programa piloto poderá participar a veciñanza de Grixoa, así como as persoas residentes nos núcleos de Xulacasa, Vrins, Folgoso, Moas de Abaixo, Moas de Arriba, Piñor e A Portela, en Figueiras. As familias interesadas en sumarse á iniciativa deberán rexistrarse previamente, e inicialmente serán incorporadas ao proxecto ata un total de cen. Adega encargarase de ofrecerlles formación práctica e o material preciso para compostar, e fará despois o seguimento personalizado durante varios meses, ata a obtención do primeiro compost.

O formulario de inscrición pódese remitir por correo electrónico á dirección medioambiente@santiagodecompostela.gal, ou entregalo de maneira presencial en Atención á Cidadanía.

Aposta pola compostaxe
O proxecto de compostaxe doméstica no rural súmase as outros programas que xa ten en marcha a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, e que están a ter moi boa acollida entre os usuarios e usuarias. Así, máis dun cento de veciños e veciñas participan no proxecto de compostaxe comunitaria dos barrios de Galeras, Santa Marta e Salgueiriños, e sete colexios están implicados no programa de compostaxe na escola.

Con estas iniciativas, o Concello pretende achegarse aos obxectivos fixados pola Unión Europea para o ano 2020, e que pasan por reciclar ou recuperar o 50 % dos residuos domésticos. Iso fai prioritario actuar sobre os restos orgánicos, que supoñen practicamente a metade da bolsa do lixo das familias. Ademais, a compostaxe ten beneficios ambientais e económicos, porque a factura que o Concello lle paga a Sogama polo tratamento do lixo depende da cantidade de toneladas enviadas.

Documentos relacionados



Compartir: