ALCALDÍA

O alcalde volve reclamar a mellora da rotonda de Conxo no inicio das obras do enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura

18/04/2018 O alcalde de Santiago volveu reclamar hoxe que se execute a actuación comprometida polo Goberno do Estado para o acondicionamento da rotonda de Conxo. Foi durante o acto de inicio das obras do enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura, presidido polo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna.

Martiño Noriega aproveitou a presenza dos cargos do Ministerio de Fomento no acto para lembrar o compromiso asumido polo propio ministro e máis polo presidente do Goberno para mellorar a rotonda, "unha actuación que é pequena en termos cuantitativos, porque require dun investimento menor, pero que é moi importante para a veciñanza do barrio". Malia a que a actuación non está contemplada nos Orzamentos Xerais do Estado, o alcalde sinalou que "o Ministerio reitera que a obra se vai executar", e advertiu que "é un proxecto clave para a mellora do acceso do Camiño Portugués xusto cando o Concello e a Xunta están colaborando nun protocolo para recuperar os tramos composteláns dos distintos Camiños de Santiago".

Novo enlace da AP-9
O alcalde mostrou a súa satisfacción polo inicio das obras do novo enlace da AP-9, porque "máis alá da Cidade da Cultura, a infraestrutura será importante para a mobilidade no conxunto da cidade, xa que mellorará a conectividade de zonas como Fontiñas ou Sar". Martiño Noriega explicou que o Concello estará pendente dos "efectos que teña o novo acceso nos viarios interiores, por se é preciso acometer algunha modificación ou mellora".

O enlace da AP-9 coa Cidade da Cultura estará localizado á altura do quilómetro 70 da autoestrada. A actuación, que se incluíra xa no Plan de Vías do ano 2003, ten un orzamento de case catro millóns de euros e un prazo de execución de dez meses. O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, explicou que esta actuación verase complementada "coa construción do enlace orbital, que pronto entrará na fase de licitación das obras". O proxecto contempla un orzamento de 8 millóns de euros e un prazo de execución de nove meses.

Vía Verde
Íñigo de la Serna aproveitou o seu discurso para anunciar que o ADIF remitiu hoxe mesmo ao Concello o acordo autorizando o contrato que permitirá poñer a disposición do Goberno municipal os terreos para a Vía Verde. Este proxecto, que orixinariamente afectaba aos concellos de Santiago, Oroso e Ordes, foi recuperado no actual mandato e estendido aos municipios de Tordoia e Cerceda. A Vía Verde terá unha extensión de 36,5 quilómetros, dos que 10 discorren polo termo municipal de Compostela.

Compartir: