TURISMO

Máis de 20 restaurantes de Santiago prepararán pratos de cabra para celebrar o Banquete de Conxo

18/04/2018 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a presidenta da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, presentaron a lista de máis de 20 restaurantes que prepararán pratos especiais con cabra nesta fin de semana, na que se celebra o Banquete de Conxo cunha nova Festa. Estes restaurantes atópanse por todo Santiago.

Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela están traballando conxuntamente nos últimos anos para consolidar o posicionamento de Santiago como destino gastronómico aproveitando os múltiples recursos da cidade. O exemplo máis importante desta colaboración é Santiago(é)tapas, que ambas entidades organizan conxuntamente dende hai tres edicións.

Tamén se colabora na promoción doutros eventos que serven para poñer en valor produtos tradicionais da cidade, como a recente Festa Gastronómica das Uñas de San Lázaro, nunha acción na que tamén participaron restaurantes de toda a cidade.

Nesta ocasión, con motivo da nova Festa do Banquete de Conxo, decidiuse levar a cabo unha acción para poñer en valor a cabra. Nesta primeira edición, os restaurantes que prepararán pratos de cabra durante a fin de semana do Banquete, xa sexa de asada ao modo tradicional ou coa receita que prefiran, son: Paz Nogueira, Mesón Peón II, Fuentes, Los Caracoles, O Bo Xantar, O Muiñeiro, A Casa da Viña, A Nave de Vidán, Gran Hotel Los Abetos, Don Quijote, La Catalina, Pazo de Altamira, Sexto II, María Castaña, Mesón de Lázaro, A Costa da Fonte, Pampín, Caney, Amoado, A Ostrería e Frebas. Cada comensal recibirá de agasallo un exemplar do libro Balada ceibe no bosque de Conxo, composto por un texto de Henrique Alvarellos.

Ademais a Asociación Hostalería Compostela organiza un xantar popular, que comezará ás 14:30 horas do domingo 22 na carballeira de Conxo, onde se celebrou o Banquete de Conxo o 2 de marzo de 1856. Neste xantar repartiranse degustacións de diferentes elaboracións de cabra como produto tradicional non só de Conxo, senón tamén de diferentes barrios de Santiago.

Compartir: