EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Teatro Principal acolle un recital poético e musical para celebrar o Día do Libro

18/04/2018 O Concello celebra o Día do Libro cun recital poético e musical que terá lugar o luns 23 de abril a partir das 11:00 horas no Teatro Principal. A entrada é de balde ata completar aforo e ao acto xa foron convidados os centros educativos de secundaria, así como o alumnado de 5º e 6º de primaria dos centros escolares.

O recital correrá a cargo de Paco Damas e xirará en torno ás "Sensombreiro", unha xeración de mulleres pintoras, poetas, novelistas, ilustradoras, escultoras e pensadoras que gozaron de éxito internacional e cambiaron as normas sociais e culturais dos anos 20 e 30. O recital estará dedicado a Maruja Mallo, interpretada pola actriz Iria Piñeiro.

"As sensombreiro" é tamén un proxecto cultural, musical, educativo e interactivo que se achegará aos institutos dun xeito didáctico, coa presentación para o alumnado nun formato que contén doce cancións e unha plataforma interactiva para realizar actividades. Ademais o alumnado, mais tamén o profesorado, contará cunha guía co obxectivo de visibilizar, dende a literatura e a música ás "Sensombreiro". No acto do vindeiro luns porase música ás poetas do 27 (María Zambrano, María Teresa León, Rosa Chacel, Josefina de la Torre, Ernestina de Champourcín, Carmen Conde, Concha Méndez e Ángela Figuera), cunha chiscadela á fundadora deste movemento, a galega Maruja Mallo.

O programa está ademais pensado e composto en feminino, con once colaboracións musicais como Rozalén, Carmen París, Marina Heredia, Carmen Linares, Pilar Jurado, La Shica, Roko, Clara Montes, Amparo Sánchez (Amparanoia), Argentina e Cristina del Valle.

Compartir: