CONSORCIO

A violinista británica Tasmin Little impartirá clases a músicos/as galegos/as

17/04/2018 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes noveis. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza da recoñecida violinista británica Tasmin Little, que tocará coa Real Filharmonía de Galicia en Santiago o xoves 26 e en Ferrol o venres 27.

Xunto ao alumnado da Escola, a estas sesións tamén poden asistir músicos/as externos/as ao centro. As clases celebraranse o luns 23 de abril, de 16:00 a 20:00 horas, e o martes 24 de 10:00 a 12:00 horas pola mañá e de 16:00 a 19:00 horas pola tarde.

Tasmin Little toca un violín do ano 1757
Tasmin Little consolidouse como unha das violinistas internacionais máis destacadas da actualidade. Ten actuado en todos os continentes e nalgúns dos escenarios máis prestixiosos do mundo, tanto en recitais como coas orquestras de maior renome. Toca un violín Giovanni Battista Guadagnini do ano 1757.

Entre as súas actuacións en concerto destacan as realizadas en Australia coa Sinfónica de Adelaida e a West Australian Symphony; en Asia coa Filharmónica de Hong Kong, New Japan Philharmonic, Sinfónica de Singapur ou a Filharmónica de Malaisia; en Europa coa Filharmónica de Berlín, Sinfónica de Londres, Filharmónica de Londres e todas as orquestras da BBC; e nos Estados Unidos coa Filharmónica de Nova York ou a Sinfónica de Seattle, entre outras moitas.

Ao longo da súa carreira ten recibido numerosos recoñecementos e galardóns polas súas gravacións e pola súa dedicación á divulgación da música clásica.

Compartir: