OBRAS E CONVIVENCIA

Comezan as obras de humanización da avenida de Vilagarcía, que quedará mañá pechada ao tráfico

16/04/2018 Xa están en marcha as obras de humanización da avenida de Vilagarcía, nas que se van investir 360.000 euros. A actuación ten un prazo de execución de 8 meses e, a partir deste martes, suporá alteracións no tráfico rodado. O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, e o edil de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, compareceron hoxe en rolda de prensa para dar todos os detalles da actuación e das afectacións que vai supoñer na circulación.

As obras da avenida de Vilagarcía, financiadas pola Deputación da Coruña, teñen o obxectivo de "humanizar a rúa, mellorando a súa accesibilidade e a súa habitabilidade". O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial explicou que "cando a actuación estea executada, a avenida de Vilagarcía será unha zona máis amable para os peóns, grazas á redución do espazo destinado aos vehículos, tanto no que ten que ver cos carrís de circulación como coas áreas de estacionamento". Ademais, "vanse crear espazos de descanso para as persoas e introducirase vexetación para mellorar as condicións ambientais da rúa". Rafael Peña tamén salientou que o proxecto contempla "importante melloras na iluminación, e permitirá renovar as redes de saneamento e abastecemento, coa substitución das actuais tubaxes de fibrocemento".

As obras de humanización da avenida de Vilagarcía aféctanlle a unha superficie de 2.860 metros cadrados, entre as avenidas de Rosalía de Castro e de Romero Donallo. Rafael Peña explicou que os traballos iniciaranse dende o tramo da rúa máis próximo a Romero Donallo. O edil apuntou que "na planificación das obras dividiuse a avenida en catro tramos, de xeito que mentres se realicen as demolicións nun deles estaranse executando as pavimentacións e acabados no anterior".

Modificacións no tráfico
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, mostrouse convencido de que "a actuación non provocará grandes dificultades, porque existen bastantes alternativas para a circulación". O edil explicou que a rúa quedara mañá cortada ao tráfico "dende a praza de Vigo ata Romero Donallo, se ben se permitirá o acceso aos garaxes durante todo o tempo que duren os traballos, salvo momentos puntuais que serán comunicados con suficiente antelación á veciñanza". Tamén se manterá o tránsito peonil a portais e comercios.

Nunha primeira fase, previsiblemente ata setembro, permitirase o actual acceso dende Rosalía de Castro cara a praza de Vigo e o xiro por Santiago de Chile cara a rúa Nova de Abaixo. Xa en outubro, os vehículos que queiran acceder dende Rosalía de Castro cara a rúa Nova de Abaixo farano de xeito directo sen facer o xiro a través de Santiago de Chile. Para iso, o tramo da praza de Vigo que conecta coa rúa Nova de Abaixo terá dobre sentido de circulación.

En canto á carga e descarga, durante as obras deberá realizarse na zona habilitada na praza de Vigo, que ampliará o seu horario ata as 19:00 horas.

Atrasos no proxecto
O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial lembrou que a reforma da avenida de Vilagarcía é unha actuación "longamente agardada e que vén sufrindo importantes atrasos". De feito, o proxecto fora xa adxudicado durante o anterior mandato, en 2015, "pero cando deberan comezar as obras comprobamos que o anterior goberno local non solicitara o informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, preceptivo porque a avenida de Vilagarcía forma parte do Camiño Portugués". Este organismo obrigou a modificar o proxecto, e posteriormente foi precisa unha nova modificación a petición da Deputación da Coruña, organismo que financia a actuación.

Documentos relacionados



Compartir: