ALCALDÍA E CONVIVENCIA

Preto de mil nenos e nenas pasarán no mes de abril polo Parque Infantil de Tráfico instalado en Amio

09/04/2018 Preto de mil escolares pasarán ao longo do mes de abril polo Parque Infantil de Tráfico instalado no recinto feiral de Amio. O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, visitaron hoxe a actividade, que estrea equipamento de propiedade municipal.

O novo Parque Infantil de Tráfico está pintado de forma permanente na nave "A" do Recinto Feiral de Amio, e ocupa un espazo de máis de 1.200 metros cadrados. A responsable de Educación Viaria da Policía Local, Diana Parente, explicou que o parque "conta con todos os elementos necesarios para que os rapaces e rapazas se familiaricen coas normas de circulación e cos sinais de tráfico, e tamén para que coñezan as habilidades básicas para moverse polo espazo urbano como peón, ciclista ou condutor". Para iso, ademais da sinalización horizontal, no parque hai semáforos e sinais verticais, nun circuíto que se pode percorrer a pé, en bicicleta ou en karts a pedais ou patinetes.

Ao longo do mes de abril, polo recinto de Amio pasarán preto de mil alumnos e alumnas, tanto de sexto curso de Primaria dos colexios de Compostela como de centros de educación especial. Os rapaces e rapazas participan en dous módulos formativos, un teórico e outro práctico. Ademais, e grazas á colaboración con Decathlon, poden participar en talleres sobre mantemento das bicicletas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, lembrou que, polo de agora, "as visitas ao Parque Infantil de Tráfico están organizadas en colaboración cos colexios, pero empezamos a ter unha alta demanda de familias a título individual que nos obriga a buscar novas fórmulas para estender esta actividade de educación viaria".

Compartir: