CENTROS CÍVICOS

O CSC de Santa Marta celebra o Día Internacional da Nai Terra con varias actividades durante o mes de abril

06/04/2018 O Centro Sociocultural de Santa Marta únese á celebración do Día Internacional da Nai Terra (22 de abril), con diversas accións durante este mes para toda a veciñanza. O obxectivo é fomentar a harmonía coa natureza para alcanzar o equilibrio xusto entre as necesidades económicas, sociais e medioambientais das xeracións presentes e futuras.

Unha das propostas é o Concurso de Foto Paisaxística "Tesouros naturais", cuxa inscrición participación estará aberta dende este venres 6 abril ata o venres 20. Haberá unha categoría para persoas adultas, a partir de 16 anos, e outra para nenos e nenas entre 7 e 16 anos, con cadanseus premios.

Os/as interesados/as deben presentar as súas fotografías, de calquera dimensión, en formato impreso e cun título. Estas instantáneas serán logo utilizadas polo Centro Sociocultural de Santa Marta para unha exposición do 21 ao 28 de abril.

Obradoiro infantil
Outra das actividades será un obradoiro infantil o sábado 21 de abril a partir das 11:30 horas. Titúlase "Facemos o xardín de Santa Marta" e está dirixido a nenos e nenas partir dos 5 anos. A inscrición farase na entrada do CSC.

Visita ao CIAC e charla sobre alimentación saudable
O calendario deste mes de abril tamén inclúe unha visita ao Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), en Belvís, para visitar a exposición existente sobre ecoloxía urbana. Esta é unha actividade familiar (nenos/as a partir dos 6 anos), con inscrición previa na entrada do CSC. A visita será o sábado 28 de abril ás 18:00 horas.

A última das propostas é unha charla sobre alimentación, que se celebrará o martes 24 de abril, ás 18:30 horas, no propio Centro Sociocultural de Santa Marta.

Compartir: