CONSORCIO

O Consorcio remata a obra de limpeza e restauración do balcón do claustro do convento do Carme

23/03/2018 A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de rematar a obra de limpeza e restauración do balcón do claustro do Convento do Carme, situado na rúa de Santa Clara. A esta intervención destinouse un importe global de 44.019,88 euros.

A arquitecta do Consorcio que coordinou este proxecto é Lourdes Pérez. Explica que o claustro do convento do Carme data de mediados do século XVIII. "Posúe unha balconada corrida no seu perímetro orixinal e seguindo os parámetros estilísticos da orde carmelita. Componse dunha estrutura de forxa e ferro, unha varanda perimetral tamén de forxa e o lousado de pedra granítica", sinala.

Segundo a arquitecta, o conxunto presentaba un avanzado estado de deterioración na súa estrutura portante, que estaba moi oxidada debido á acción da chuvia, que se deposita na superficie horizontal de pedra e fíltrase, afectando á estrutura metálica que a sustenta. Así, o proceso de restauración do conxunto da balconada buscaba corrixir as deficiencias atopadas de cara a eliminar o risco de caída do lousado e mesmo das persoas.

O pavimento impermeabilizouse
Restauráronse os elementos de forxa e substituíronse os compoñentes de aceiro en mal estado de conservación. Para isto foi necesario levantar o pavimento de pedra, que logo se recolocou na mesma posición.

O Consorcio de Santiago realizou tres intervencións anteriores no conxunto do convento do Carme, destinadas á renovación da súa cuberta.

Compartir: