CONSORCIO

David Hill, un dos mellores organistas do mundo, dirixe esta semana a RFG e tocará varias obras ao órgano

19/03/2018 A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos. O primeiro será o xoves 22 de marzo en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, no marco da súa tempada de abono, e co que se abre o programa de actuacións do ciclo De lugares e órganos, que promove o Concello de Santiago. O venres a orquestra desprazarase a Ferrol, onde tocará no Auditorio Municipal da cidade, tamén ás 20:30 horas, dentro da programación da Sociedade Filharmónica Ferrolá.

En ambas as actuacións levará a batuta o músico británico David Hill, que ademais tocará varias obras ao órgano. Recoñecido pola súa excelente musicalidade, é respectado polo seu magnífico labor como director coral e orquestral. O seu talento foi recoñecido a través dos seus nomeamentos como director principal dos BBC Singers, o coro de cámara da BBC; director musical do Bach Choir, un dos mellores coros do mundo; e do coro da Sociedade Filharmónica de Leeds; ademais de director asociado convidado da Orquestra Sinfónica de Bournemouth e director principal da Yale Schola Cantorum.

Formado como violinista e pianista, con 17 anos xa foi nomeado membro do Royal College of Organists do Reino Unido. Foi director musical na Catedral de Winchester e na Catedral de Westminster, director asociado e logo director artístico do Coro Philharmonia, director musical de The Waynflete Singers e do St. John' s College de Cambridge. Dirixiu orquestras e coros de Europa, Estados Unidos e Australia. A súa ampla discografía abarca máis de 80 gravacións, polas que recibiu múltiples galardóns.

O órgano como protagonista nun programa con obras de Haendel, Albinoni, Haydn e Mozart
O programa de Santiago e Ferrol comezará con tres obras interpretadas por David Hill ao órgano. Trátase do Concerto para órgano nº 13 "O cuco e o reiseñor" de Haendel, onde o canto dos paxaros é imitado polo órgano; o Adagio para órgano e cordas de Tomaso Albinoni; e unha Peza para reloxo musical de Haydn. A continuación soará a Sinfonía nº 31 de Mozart, popularmente coñecida como "París" porque a compuxo durante a súa estancia na cidade francesa, onde se trasladou para buscar traballo cando contaba con 22 anos.

Na segunda parte, os músicos achegarán ao público o Concerto para órgano nº 6 de Haendel e outra Peza para un reloxo musical de Haydn, ambas as dúas interpretadas por David Hill ao órgano. E os concertos concluirán coa Sinfonía nº 92 de Haydn, denominada "Oxford" debido a que o autor a dirixiu nunha cerimonia na que foi condecorado co doutoramento honoris causa pola Universidade de Oxford. A obra é un tributo á Europa prerrevolucionaria.

Compartir: