ALCALDÍA E EMPREGO

O Ecotur Xuvenil III suma case un quilómetro á senda peonil do río Sar

15/03/2018 A senda peonil do Sar suma xa 7,4 quilómetros de lonxitude, coa apertura hoxe do tramo entre Ponte Suarribas e Ponte da Fervenza. Este treito, de 900 metros, foi acondicionado polo alumnado do obradoiro de emprego Ecotur Xuvenil III. Os 15 rapaces e rapazas recibiron hoxe os seus diplomas acreditativos.

O alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; percorreron esta mañá o novo tramo da senda do Sar, na compañía do alumnado do obradoiro de emprego. Tamén participaron José Alfonso Marnotes, director xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que cofinancia o Ecotur Xuvenil III; e Sinda Blanco, directora de Procesos sen Ingreso da Xerencia de Xestión Integrada da Área Sanitaria de Santiago, posto que a Consellería de Sanidade cedeu parte dos terreos precisos para o acondicionamento da senda.

Escenario do Banquete de Conxo
A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo salientou que "ademais da formación dos mozos e mozas participantes, o Ecotur Xuvenil está permitindo que o Concello acondicione zonas verdes que son de grande interese medioambiental e serven de atracción turística para a cidade". Marta Lois mostrou a súa satisfacción co resultado deste traballo "vinculado á recuperación do escenario do Banquete de Conxo, que se vai lembrar o próximo mes cun ambicioso programa de actividades".

O tramo aberto hoxe ten unha extensión de 900 metros entre Ponte Suarribas e Ponte da Fervenza, no contorno do Hospital Provincial de Conxo. Os traballos desenvolvidos permitiron acondicionar e recuperar os camiños tradicionais, limpar as ribeiras do río e restaurar a vexetación, e mesmo levar a cabo pequenas actuacións para mellorar a calidade das augas. Tamén se acondicionaron espazos de uso público e puxéronse en valor algúns elementos patrimoniais, como o cenador do Banquete de Conxo.

Nas tres edicións dos obradoiros de emprego acondicionáronse xa 7,4 quilómetros de senda peonil nas beiras do río Sar, dende o Multiúsos ata Conxo.

Entrega de diplomas
Nesta terceira edición, no obradoiro de emprego participaron 15 desempregados e desempregadas menores de 30 anos de idade. Oito formáronse na especialidade de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes, e sete na de Colocación de Pedra Natural. Despois de seis meses de formación e traballo práctico, o alumnado recibiu os seus diplomas acreditativos nun acto celebrado no Pazo de Raxoi.

No acto de entrega, o alcalde, Martiño Noriega, agradeceu o traballo dos mozos e mozas, que "permitirá que recuperemos o contorno do Banquete de Conxo, un espazo significativo porque foi onde se xuntaron estudantes e obreiros para pensar nun modelo de país mellor".

O Ecotur Xuvenil III contou cun orzamento de case 190.000 euros, dos que 140.000 foron achegados pola Consellería de Economía, Industria e Emprego, e 50.000 polo Concello de Santiago.

Compartir: