CONSORCIO

O violoncellista canario Ángel Luis Quintana, solista da Orquesta Nacional de España, formará a músicos/as galegos/as

13/03/2018 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes noveis. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do recoñecido violoncellista canario Ángel Luis Quintana. Ademais dos alumnos e alumnas da Escola, tamén poden asistir músicos/as externos/as ao centro.

As clases celebraranse o xoves 22 de marzo, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde. Os/as músicos/as que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Profesor en Barcelona e Rótterdam
Ángel Luis Quintana naceu en Las Palmas de Gran Canaria, onde comezou os seus estudos musicais. Continuou a súa formación en Madrid, na Escuela Superior de Música Reina Sofía. Recibiu leccións maxistrais de grandes mestres, entre eles o músico ruso Mstislav Rostropóvich, considerado o máximo violoncellista da súa xeración.

Ao longo da súa traxectoria profesional recibiu numerosos galardóns. Foi solista da Orquesta de RTVE e da Orquesta de Cámara Reina Sofía, profesor do Conservatorio de Guadalajara e profesor asistente da Cátedra de Violonchelo Sony na Escuela Reina Sofía.

Na actualidade é solista da Orquesta Nacional de España, profesor do Conservatorio Superior de Música do Liceo de Barcelona e profesor convidado do Conservatorio de Rótterdam. Participa con regularidade nos máis prestixiosos ciclos de música de cámara e colabora como solista con diversas orquestras. Dende 2013 forma parte do profesorado de Música en Compostela, o curso internacional de música española que cada verán se celebra na cidade de Santiago. Toca un violoncello J. Guadagnini "Il Soldato" de 1800, cedido pola Fundación Columbus.

Compartir: