ESPAZOS CIDADÁNS

Presentadas as Bases do Plan de Xestión da Cidade Histórica de Santiago

23/02/2018 A Concellaría de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade abrirá no mes de marzo o proceso participativo vinculado á elaboración do Plan de Xestión da Cidade Histórica, despois de que foran presentadas as súas bases na reunión da comisión de seguimento do Plan Especial. Na mesma reunión, celebrada este venres, tamén se presentou o documento de avance para a avaliación ambiental do Plan Especial.

O concelleiro Jorge Duarte e o codirector do Plan de Xestión da Cidade Histórica, Juan Requejo, explicaron en rolda de prensa que o obxectivo é implicar á cidadanía na elaboración tanto do Plan de Xestión como do Plan Especial, "porque todos e todas debemos reflexionar sobre o que queremos que sexa a zona vella". Segundo explicou o edil de Espazos Cidadáns, "en marzo serán convocados os grupos de traballo focais, e en abril celebrarase unha gran asemblea cidadá para pechar o proceso de reflexión".

O codirector do Plan de Xestión, Juan Requejo, indicou que nos últimos meses celebráronse "moitas entrevistas con persoas relevantes de Santiago que xa aportaron moita información ao respecto do que debe ser a cidade histórica". Segundo explicou, deste traballo, "obtemos a certeza de que as grandes fortalezas de Compostela son o seu patrimonio e a proxección internacional da marca Santiago, que ten un valor incalculable, mesmo desde o punto de vista económico". Requejo incidiu en que "é preciso mudar as dinámicas da cidade histórica e a súa relación, non só co resto do municipio, senón tamén cos municipios próximos".

Compartir: