ACCIÓN CULTURAL

"Me llamo Suleimán", a historia dos que teñen que abandonar o seu fogar e emigrar clandestinamente, no Teatro Principal

23/02/2018 A compañía canaria Una Hora Menos presenta este sábado en Compostela Me llamo Suleimán, unha obra centrada na emigración clandestina entre África e España, adaptación teatral da novela homónima escrita por Antonio Lozano.

Marta Viera, protagonista, cóntanos a historia de Suleimán, que se veu na obriga de emprender a aventura de abandonar o seu fogar na busca dun mundo mellor. Será ás 18:30 horas no Teatro Principal, dentro do ciclo Cultura en Familia, e está dirixida a todos os públicos, recomendada para maiores de 10 anos. As entradas están á venda en entradas.abanca.com, no 981 910 522 ou no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h e dende 1 hora antes do evento). O prezo é de 4 euros, e o abono familiar (4 entradas) de 12 euros.

Me llamo Suleimán é unha obra centrada na emigración clandestina entre África e España e, máis concretamente, na viaxe que ten que realizar quen se ve na obriga de emprender esta aventura. Suleimán é un rapaz que, farto da pobreza do seu país, deixa Mali para marchar canda o seu amigo Musa á próspera Europa. Ansían traballar e conseguir cartos abondo cos que volver e axudar as súas familias. Pero a viaxe é dura e difícil. Teñen que cruzar o deserto en camións incómodos e atestados de expatriados que, coma eles, buscan unha vida mellor. Na fronteira con Melilla, o cruce do enreixado pon trabas ás súas arelas. Lonxe de renderse, Suleimán emprenderá a viaxe unha vez máis, desta vez por mar. En escena, Isabel, unha compañeira de clase de Suleimán, narra a historia deste neno que busca alcanzar os seus soños.

Compartir: