XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras da avenida de Vilagarcía

23/02/2018 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras da avenida de Vilagarcía, nas que se van investir 340.000 euros. Ademais, na reunión de hoxe acordouse a apertura do procedemento de licitación do proxecto de mellora da accesibilidade na rúa Triacastela. Este proxecto ten un orzamento de medio millón de euros.

A Xunta de Goberno adxudicou hoxe as obras de repavimentación da avenida de Vilagarcía, entre as avenidas de Rosalía de Castro e Romero Donallo. Da actuación, orzada en algo máis de 340.000 euros, encargarase a empresa SYR-AMG. A previsión é que os traballos comecen despois da Semana Santa.

O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que este "é un proxecto longamente agardado, que sufriu atrasos porque a actuación fora adxudicada no anterior mandato sen ter solicitado o informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, preceptivo por ser unha rúa situada no Camiño Portugués". Posteriormente foi preciso modificar o proxecto en dúas ocasións, unha a petición de Patrimonio e outra da Deputación, que financia as obras.

Ascensor de Triacastela
Na reunión de hoxe tamén se iniciou o procedemento de adxudicación das obras de mellora da accesibilidade na rúa Triacastela. A actuación ten un tipo de licitación de case medio millón de euros, e o Goberno confía en que poida estar contratada no próximo verán. O obxectivo é mellorar a conexión entre a avenida de Lugo e Concheiros, coa instalación dun ascensor que estará aliñado coas edificacións que dan fronte cara a avenida de Lugo. Na parte superior, a distancia coa rúa Concheiros salvarase a través dunha pasarela.

Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno adxudicou hoxe o contrato de conservación e mantemento do parque de Brandía. O alcalde lembrou que este procedemento se reservara a centros especiais de emprego, e finalmente a adxudicataria foi ASPAS, por un importe de 63.500 euros anuais. A entidade ofertou como mellora a entrega de ata 7.000 unidades de diferentes especies como begonias, prímulas, narcisos ou tulipas.

Na xuntanza deste venres tamén se acordou a actualización das tarifas do taxi, "que estaban conxeladas dende hai xa catro anos". Martiño Noriega explicou que o Goberno responde así á demanda do sector, "se ben a súa solicitude era dunha suba equivalente ao IPC, e finalmente será do 1,36%". Na práctica, esta actualización suporá un incremento de cinco céntimos na tarifa por baixada de bandeira, e de tres céntimos no quilómetro percorrido.

A proposta da concellería de Educación, aprobouse a apertura dos prazos de solicitude de matrícula nas Escolas Infantís de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. No caso do alumnado actual, o prazo de inscrición será do 1 ao 12 de marzo, mentres que as solicitudes de novo ingreso deberán facerse entre o 16 de marzo e o 16 de abril.

Procedementos sancionadores
Na Xunta de Goberno deste venres abordáronse varios procedementos sancionadores. Así, acordouse impoñer dúas multas á empresa Eulogio Viñal polos atrasos nas obras do barrio de Vista Alegre, tanto na fase I como na fase II. As dúas sancións suman 25.000 euros. Tamén se iniciou o procedemento contra a empresa Cidadanía, polos erros na contabilización de votos no proceso de Orzamentos Participativos. A sanción podería rondar os 3.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: