POLÍTICAS SOCIAIS

O Principal acolle este venres a estrea do documental "Cerebro, artes, acción"

22/02/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou esta mañá o documental Cerebro, artes, acción, que se estreará no Teatro Principal mañá venres, 23 de febreiro, ás 20.30 horas, con entrada de balde. Na rolda estivo acompañada da creadora e directora da peza, Lara Bacelo.

Concha Fernández explicou que este proxecto "supón a continuación dunha iniciativa moi emocionante na que participamos o ano pasado e que estreamos o 29 de abril no Auditorio de Galicia, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Danza". A concelleira relatou a súa experiencia persoal coas persoas participantes, ás que visitou nalgún dos ensaios. Este proxecto, engadiu Fernández, "buscou a colaboración, a inclusión grupal, o respecto intelectual e o fomento da creatividade a través da educación artística e o traballo en equipo".

Cerebro, artes, acción é un proxecto ideado por Carlota Pérez, apoiado pola asociación Diversos e financiado polo Concello de Santiago. Nesta iniciativa reuníronse persoas de diversas asociacións, como Aspanaes ou Fonte da Virxe, relacionadas coa diversidade funcional. Tal e como indicou Lara Bacelo, "fíxose un traballo con eles no que a danza e o teatro lles axudou a mellorar a interacción social e dese traballo xurdiu, a través do meu seguimento audiovisual, un documental que achega baixo unha mirada experimental a miña visión sobre varios membros dese grupo, personificados en dez participantes".

No documental, a creadora quixo "fuxir das etiquetas", evitando falar das dificultades ou das causas que os levaron a formar parte dese grupo. "Deixo a voz neles para que sexan os que describan ao espectador as súas personalidades dispares e o seu xeito de vivir en sociedade", engadiu Lara Bacelo, quen asegura que "deixar que as voces que se escoiten sexan só as deles foi un acerto, porque dese xeito bríndolles todo o protagonismo coma o que son, persoas extraordinarias con ideas e soños propios e con todo o dereito a seren protagonistas das súas propias vidas".

Espectáculo de danza
A idea do proxecto partiu de que, a través das ferramentas do traballo artístico, se crease unha interconexión entre todas as alumnas e alumnos, ao mesmo tempo que se potenciaban as capacidades creativas de cada un deles. Non se traballou cun guión establecido, aínda que si coa idea da Torre de Babel como motor, dando unha nova visión a unha historia bíblica un tanto inconclusa.

O fío narrativo acompañouse de diferentes disciplinas artísticas que potenciaron o talento de cada persoa e a unión dos cinco sentidos como vía de comunicación humana. Buscouse a creación de espazos de comunicación e comprobouse como cun mal uso dos nosos órganos sensoriais pode fomentar a violencia e a frialdade nas relacións humanas.

As persoas profesionais e responsables deste proxecto foron Carlota Pérez (idea orixinal e codirección artística), Jordi Cortes (codirección artística), Laura de Juan (creación audiovisual), Txon e Maika González (asesoramento e xestión) e Dora Pipo (dramaturxia).

Direccións relacionadas



Compartir: