PLENO

O alcalde reivindica os avances sociais e a captación de fondos europeos no Debate sobre o Estado do Municipio

21/02/2018 O alcalde defendeu hoxe que "Santiago é unha cidade que latexa e recupera o pulso", durante o Pleno do Debate sobre o Estado do Municipio, celebrado esta tarde. Martiño Noriega relatou que a acción de Goberno está permitindo que teñamos "unha Compostela máis social, máis solidaria, cultural e verde, na que teñen prioridade as pequenas obras que lle facilitan o día a día á veciñanza".

O alcalde explicou que "no que levamos de mandato quixemos colocar o Concello ao servizo dos que máis o necesitaban, e por iso impulsamos a ordenanza Compostela +, ampliamos o Servizo de Axuda no Fogar ou multiplicamos o orzamento destinado ás bolsas de comedor, actividades extraescolares e material escolar". Martiño Noriega incidiu tamén na "aposta decidida pola atención ás persoas sen fogar en exclusión social, que se incrementará coa creación do Centro Municipal de Atención Integral a Persoas sen Fogar".

En canto á "Compostela Cultural", na súa intervención no pleno o alcalde salientou avances como a designación do novo xerente do Auditorio a través dun concurso público e aberto, os convenios coas asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito para que a cidade volva ter música ao vivo, ou a descentralización e diversificación das festas, "que agora chegan a máis barrios, alén da cidade vella, con atención a todos os públicos e a todas as artes". A aprobación do Plan de Igualdade, o éxito da campaña Compostela en Negro, ou a apertura da Casa das Mulleres Xohana Torres foron outros dos logros reivindicados polo alcalde, que se mostrou convencido de que Santiago "é hoxe máis ca nunca a capital da Igualdade".

Martiño Noriega relatou tamén os esforzos que vén facendo o Goberno para termos "un Santiago máis verde, con centos de quilómetros de sendas acondicionadas pola ribeira do Sar, coa futura Vía Verde que por fin conseguimos desbloquear, ou coas hortas urbanas que seguiremos acondicionando en diferentes barrios da cidade, mesmo na rúa das Hortas". Ao tempo, explicou o alcalde, "estase a facer unha clara aposta pola compostaxe comunitaria e pola eficiencia enerxética, mesmo cun contrato regularizado por primeira vez desde 1997 que garante que a electricidade que consume o Concello provén integramente de fontes renovables". A mellora da accesibilidade nos espazos públicos, a renovación dos equipamentos deportivos ou a modernización da administración son, segundo relatou o rexedor, outros das accións nas que está a traballar o Goberno.

O mandato "das pequenas cousas" e a captación de recursos
O alcalde sinalou que moitos destes proxectos son posibles "grazas á enorme captación de fondos europeos que viñemos realizando nestes anos de mandato". Martiño Noriega lembrou a EDUSI, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, polo que Santiago recibiu 10 millóns de euros; os cinco millóns de euros acadados co proxecto Smartiago, ou os 1,5 millóns de euros para o programa Mocidade con Emprego.

O rexedor explicou que "o relato do Goberno baséase sobre todo no social e en atender as pequenas cousas, que son as realmente necesarias para a veciñanza, pero que sempre estiveron tapadas polos grandes eventos ou as grandes infraestruturas". Nesa liña, relatou que "vimos facendo unha auditoría cidadá que nos mostra cales son as verdadeiras demandas da cidadanía, e que imos transformando en programas de actuación nos barrios e parroquias". Martiño Noriega insistiu en que o Concello "coloca ás persoas primeiro, e por iso tamén quere fomentar a participación, a través de instrumentos consolidados como os orzamentos participativos ou da recuperación dos distintos consellos municipais"

Emprego, reindustrialización e gobernanza do turismo
Martiño Noriega explicou que "fronte ás actuacións faraónicas do pasado, o noso grande reto é atender a preocupacións da xente como o paro, e por iso seguimos impulsando obradoiros e captando fondos europeos para programas como Mocidade con Emprego dos que se beneficiarán centos de mozos e mozas". Nesa liña, o alcalde tamén incidiu en que Santiago é "a única cidade cun pacto para a reindustrialización, que xuntou aos catro grupos da Corporación, a Universidade, a Cámara de Comercio e os empresarios do Polígono do Tambre", que permitirá reforzar un modelo de desenvolvemento económico apoiado no capital empresarial e institucional do municipio.

A gobernanza do turismo é, para o rexedor, outro dos retos aos que se enfronta Compostela. Martiño Noriega lembrou que "levamos dous anos de cifras récord de visitantes, e iso supón riscos, evidenciados en que a zona histórica é o único lugar da cidade que perde da poboación". O alcalde reiterou a conveniencia de "abrir debates que chegaron para quedar, relacionados coa necesidade de corresponsabilizar aos visitantes dos custos que ten que afrontar a cidade en materia de mantemento, limpeza ou seguridade".

Direccións relacionadas



Compartir: