TURISMO

O Santiago Convention Bureau estará por primeira vez no Congreso de Empresas Organizadoras de Congresos

16/02/2018 Turismo de Santiago estará presente por primeira vez no Congreso Nacional de Empresas Organizadoras de Congresos de España, que este ano celebra en Alcalá de Henares a súa trixésima edición do 15 ao 17 de febreiro. Turismo de Santiago participa a través do seu servizo propio para a captación de Congresos, Eventos e Xornadas, o Santiago de Compostela Convention Bureau.

Turismo De Santiago participará como poñente nunha mesa específica sobre Organización de Eventos nas Cidades Españolas Patrimonio da Humanidade, onde amosará as fortalezas e potencialidades de Santiago como destino apto para albergar calquera tipo de congreso, grazas tanto ao atractivo da cidade como a capacidade de aloxamento e a oferta de empresas de servizos para os organizadores de congresos.

Na presentación tamén se fará fincapé no feito de que Santiago é unha cidade con servizos dunha cidade grande pero con distancias moi curtas, polo que é sinxela de percorrer e os tempos de desprazamento entre as sedes dos congresos, os hoteis e os espazos de ocio son reducidos en comparación con cidades de maior tamaño.

O Congreso Nacional de Empresas organizadoras de Congresos é un evento organizado pola Federación Española de organizadores profesionais de Congresos. O evento deste ano contará coa asistencia de 400 profesionais de toda España. Trátase dun evento moi relevante, xa que permite amosar a oferta coa que conta un destino no sector ás principais empresas españolas organizadoras de congresos.

Compartir: