XUNTA DE GOBERNO

Solicitada a inclusión na EDUSI do proxecto para a rehabilitación enerxética dos edificios municipais

16/02/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe solicitar a inclusión na EDUSI do proxecto de Rehabilitación Enerxética de Edificios de Titularidade Municipal. A operación ten un orzamento total de 520.000 euros, dos que 416.000 procederían de fondos FEDER. Para iso, o Ministerio de Facenda deberá aceptar a súa incorporación á Estratexia de Desenvolvemento Sostible Integrado.

O proxecto de Rehabilitación Enerxética dos Edificios de Titularidade Municipal contempla medidas para reducir a demanda enerxética, como a mellora do illamento térmico dos inmobles, a substitución de carpinterías e vidros, ou a mellora das condicións de ventilación para garantir a calidade do aire interior. Tamén se contemplan accións dirixidas a mellorar o rendemento das instalacións de calefacción, refrixeración, auga quente e iluminación; tales como a renovación de instalacións ou a aplicación de sistemas de domótica que permitan o control dos períodos da posta en marcha dos servizo de acordo cos seus horarios de ocupación. Por último, o proxecto apostará polo uso das enerxías renovables nos edificios municipais e pola modificación dos hábitos dos usuarios.

De ser incluída na EDUSI polo Ministerio de Facenda, a operación desenvolverase en tres fases, de aquí a 2020 e prevese que a implantación das diferentes medidas suporá un aforro de consumo de máis de 350.000 kilowatios anuais.

Autorización de Castrón Douro
O alcalde aproveitou a rolda de prensa na que deu conta dos acordos da Xunta de Goberno para anunciar que o Ministerio de Facenda remitiu onte mesmo ao Concello a validación da ficha para a incorporación á EDUSI das obras de Castrón Douro. Martiño Noriega explicou que, deste xeito, poderase iniciar a licitación dos traballos, un dos proxectos máis agardados no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, cofinanciada con fondos FEDER. Na súa fase I, a actuación ten un orzamento dun millón e medio de euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: