PLENO

O Pleno debaterá nunha próxima sesión o convenio para a construción da EDAR

15/02/2018 O Pleno da Corporación debaterá nunha próxima sesión a adhesión ou rexeitamento do convenio con Acuaes e Augas de Galicia para a construción da Estación Depuradora de Augas Residuais. Na sesión de hoxe non se puido producir a votación, ao non ser levantado o reparo que a Intervención Municipal lle puxo ao expediente.

Aínda que o asunto deberá levarse a un próximo Pleno, na sesión desta tarde produciuse igualmente o debate entre os catro grupos da Corporación. O alcalde, Martiño Noriega, defendeu a decisión de introducir o punto na orde do día "porque o Pleno é o órgano municipal competente para aprobar ou rexeitar o convenio, e porque as outras administracións implicadas na construción da EDAR están a urxir a resposta do Concello de Santiago".

O rexedor reiterou que o grupo de Goberno non vai apoiar a adhesión ao convenio, "porque Acuaes e Augas de Galicia non moveron as súas posicións e por iso non logramos incorporar mellores tecnoloxías, garantir a seguridade xurídica nin conseguir un mellor reparto dos custos que non supoña un agravio para Santiago".

Os grupos de PSOE e BNG coincidiron en sinalar que o convenio levado ao Pleno "é pésimo para Santiago", porque lle obriga a Compostela a afrontar un pago maior que o que se lle impuxo a outras cidades galegas, e porque a localización prevista, O Souto, non é a mellor dende o punto de vista ambiental. Pola súa banda, o PP defendeu a localización do Souto e tamén a sinatura do convenio, ante a posibilidade de que se perdan os fondos europeos comprometidos para a actuación.

Melloras en barrios
Á marxe da EDAR, no Pleno desta tarde aprobouse por unanimidade unha proposición do PSOE relativa á mellora de servizos na zona de Monte de Deus. Na sesión interveu Álvaro Rei, en representación da veciñanza, que explicou que o barrio sofre deficiencias en materia de limpeza, mantemento e transporte público.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, explicou que o seu Departamento está a traballar nun proxecto para mellorar a rede de pluviais en Monte de Deus, "unha zona na que xa se foron acometendo algunhas outras melloras ao longo do último ano".
Tamén se aprobou hoxe, coa abstención do BNG e o voto a favor dos demais grupos, unha proposición do PP para a adopción de medidas de impulso e mellora do barrio de San Lourenzo e Carme de Abaixo.

Intermodal e ORA
Sen debate entre os grupos e por unanimidade, a Corporación deulle hoxe luz verde ao proxecto técnico para a expropiación e urxente ocupación dos terreos necesarios para executar a Fase I da Estación Intermodal de Santiago. Deste xeito, garántese que as parcelas estean dispoñibles para o inicio das obras, previsto pola Xunta para finais do primeiro semestre do ano.

Por último, no Pleno de febreiro saíu adiante unha proposición do BNG para que se inclúa a posibilidade dun modelo de xestión público e gratuíto de aparcamento de vehículos en rotación, no proceso de municipalización da ORA e do guindastre que xa está en marcha. O concelleiro Jorge Duarte explicou que esa posibilidade se poderá estudar, "se ben para municipalizar o servizo é indispensable garantir a súa viabilidade económica". Ademais, o alcalde fixo constar que a introdución deste modelo gratuíto "non aparece nas alegacións presentadas tras a aprobación inicial da municipalización, e que serán resoltas nas próximas semanas".

Compartir: