ACCIÓN CULTURAL

Un concerto da Banda Municipal, Uxía e Canto D’Aqui pechará a 4º Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza

15/02/2018 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director da Banda Municipal de Música de Santiago, Casiano Mouriño, participaron na rolda de prensa de presentación da 4ª edición da Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza, que homenaxeará a Rosalía de Castro nas cidades de Braga (Portugal), Padrón e Santiago de Compostela a través da música, dos libros, da poesía, de tertulias e do teatro.

Esta programación está promovida dende a Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta, a través do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho. Colaboran nela outras entidades e institucións, ademais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, como a formación musical Canto D'Aqui, a Câmara Municipal de Braga, as juntas de frêguesia de Nogueiró e Temões, o Concello de Santiago e a Fundación Rosalía de Castro, co obxectivo de irmandar as dúas beiras do Miño a través da música, da poesía e da palabra.

Por primeira vez, as actividades da 4ª Semana Cultural celebraranse, ademais de na cidade portuguesa de Braga, en Padrón e en Santiago. Na casa de Rosalía de Castro situada en Padrón celebrarase a inauguración cun concerto de Canto D'Aqui e Iria Estévez. En Santiago terá lugar a clausura cun concerto de Canto D'Aqui, Uxía e a Banda Municipal de Santiago.

Esta 4ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza celebrará en Braga do 18 ao 25 de febreiro, coincidindo coa semana do Día de Rosalía de Castro. En representación de Galicia, acudirán en diferentes xornadas, entre outros, Uxía, Xabier Díaz, Eduardo Maragoto e a Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada Tequexetéldere, así como o escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. En representación do país veciño farano, entre outros, Canto D'Aqui, Ana Sofia Carvalheda, Sebastiâo Antunes, Oîma, Henrique Barreto Nunes e Joâo Afonso.

Unha semana chea de música, libros, tertulias, poesía e teatro
A Semana Cultural abrirase o vindeiro domingo 18 de febreiro cun concerto na sede da Fundación Rosalía de Castro en Padrón, a cargo de Canto D'Aqui e Iria Estévez. Do martes 20 ao xoves 22 as actividades daranse cita en Braga, coa presentación do libro Galegos no Minho. 20 anos do Centro de Estudos na Universidade do Minho; unha tertulia con Sebastiâo Antunes e Xabier Díaz; un concerto de Oìma e Daniel Pereira; e outra tertulia con Anxo Angueira, Eduardo Maragoto e Jose Manuel Mendes.

O xoves 23 as citas serán, simultaneamente, en Braga e en Santiago, con cadanseu tributo a José Afonso, na Casa das Crechas, e no Theatro Circo, con Daniel Pereira e Uxía, respectivamente. O Día de Rosalía, 24 de febreiro, Braga acollerá a inauguración da Praceta Rosalía de Castro e o espectáculo Voa -adaptación da obra O espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, da man dos estradenses Tequexetéldere. O domingo 25, o Teatro Principal compostelán acollerá o concerto de peche desta Semana Cultural, no que participarán Uxía, a Banda Municipal e Canto D'Aqui.

Na rolda de prensa participaron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Carlos Beiró, secretario da Fundación Rosalía de Castro; Jaime Torres e Carlos Moutinho, integrantes do grupo portugués Canto D'Aqui (Braga); Lourdes Batán, subdirectora xeral de Política Lingüística; Branca Novoneyra, concelleira compostelá de Acción Cultural; e Casiano Mouriño, director da Banda Municipal de Santiago.

Compartir: