ALCALDÍA

O Concello require a clausura da planta de tecnosolos de Miramontes

15/02/2018 O Pleno da Corporación acordou hoxe, por unanimidade, requirir a clausura da planta de tecnosolo de Miramontes e a restauración da zona da canteira, despois de que todas as analíticas confirmaran a existencia de vertidos e cheiros no contorno. Na sesión interveu Alfonso Manuel Fernández Otero, representante da Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Miramontes, que relatou as irregularidades que se veñen producindo na planta.

A situación da planta de tecnosolos de Miramontes volveu ao pleno da man do BNG, que presentou a moción instando a realizar as xestións necesarias para a súa clausura despois de que as inspeccións realizadas pola propia Xunta de Galicia confirmaran as denuncias da Plataforma sobre as irregularidades na planta. Durante o debate, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia avanzou que o Goberno "vén de iniciar o expediente de revogación da autorizacións sectoriais sobre a explotación que dependen do Concello". Xan Duro lembrou tamén que "os técnicos municipais e a Policía Local teñen realizado inspeccións no vertedoiro, con conclusións que tamén avalaban as denuncias da veciñanza e que lle foron remitidas á Xunta de Galicia".

Seguridade viaria
O Pleno da Corporación tamén aprobou a moción presentada por Compostela Aberta en apoio á campaña que teñen en marcha Stop Accidentes e a coordinadora ConBici para solicitar a reforma do Código Penal en materia de tráfico e solicitar medidas para lograr unha maior seguridade viaria tanto para ciclistas como para peóns. Na sesión participou Faustino Gómez, presidente de Composcleta (asociación integrada en ConBici) que explicou que "a reforma do Código Penal de 2015 permitiu aumentar a impunidade dos e da causantes de persoas feridas ou falecidas, con maior incidencia en ciclistas ou peóns, e as grandes beneficiarias desa reforma foron as aseguradoras". A proposta contou co respaldo de PSOE e BNG, mentres que o PP optou pola abstención.

Folga das Mulleres
Na sesión desta tarde tamén quedaron aprobadas dúas mocións en apoio á Folga Internacional das Mulleres convocada para o próximo 8 de marzo. Unha delas foi presentada polo BNG e a outra por Compostela Aberta, que sumaron os seus votos aos do PSOE. Pola súa parte, o PP abstívose nas dúas votacións.

As dúas mocións coinciden na necesidade de apoiar a Folga Xeral das Mulleres e as xustas mobilizacións e accións convocadas polo movemento feminista para o 8 de marzo, para visibilizar cuestións como a fenda salarial entre xéneros do 23% ou a carga desproporcionada de traballo non remunerado para as mulleres. No Pleno tamén se incidiu en que a celebración deste 8 de marzo vai ser especial "ante o movemento mundial de denuncia das situacións de acoso ás mulleres".

Direccións relacionadas



Compartir: