ALCALDÍA

O Pleno abordará esta tarde o convenio para a construción da EDAR

15/02/2018 O Goberno local levará ao Pleno da Corporación desta tarde o convenio con Augas de Galicia e Acuaes para a construción da nova estación depuradora de augas residuais "porque ese é o órgano municipal competente para aprobalo ou rexeitalo, e porque as outras administracións implicadas urxen unha resposta do Concello de Santiago ao respecto", en palabras do alcalde, Martiño Noriega, quen reiterou que "o grupo de Goberno non vai apoiar o texto, porque consideramos que non é un acordo bo para a cidade".

O alcalde explicou en rolda de prensa os pasos dados polo Goberno ata o Pleno desta tarde. Martiño Noriega explicou que o Executivo traballou en tres liñas: incorporar mellores tecnoloxías para diminuír o impacto da EDAR; buscar seguridade xurídica "diante dunha declaración de impacto ambiental tramitada sen lle trasladar audiencia ao Concello de Ames malia a estar afectado pola infraestrutura"; e procurar un reparto de custos máis xusto "que non supuxera un agravio con respecto a outras cidades". O rexedor recoñeceu que "as outras administracións rexeitaron calquera avance ao respecto desas tres demandas, e aínda que Acuaes tiña vontade de incorporar melloras tecnolóxicas o Ministerio de Medio Ambiente non o permitiu". Ademais, tal e como explicou o alcalde, "tampouco facilitaron a documentación que supostamente demostraría que non hai agravio económico con respecto a Ourense ou Vigo, malia a que asumiron ese compromiso na última reunión celebrada en Madrid".

Martiño Noriega reiterou que o Goberno optou por levar o convenio ao Pleno "porque é o órgano competente, e porque as outras Administracións están urxindo unha resposta do Concello de Santiago sen aceptar máis negociacións". O alcalde explicou que, antes do debate do texto do convenio, a Corporación deberá decidir se levanta o reparo suspensivo formulado pola Intervención municipal ao texto. Este reparo sinala, entre outras cuestións, que o orzamento municipal de 2018 aínda non entrou en vigor polo que, segundo relatou Martiño Noriega, "cabe a posibilidade de que o convenio teña que ser debatido nun próximo Pleno da Corporación".

Compartir: