FESTAS

Oito carrozas, catorce comparsas e cinco grupos participarán no desfile do martes de Entroido

12/02/2018 O punto álxido do Entroido 2018 chega esta martes co desfile-concurso de carrozas, comparsas e grupos. Por mor das obras que se están a executar na estación do ferrocarril, a avenida de Ferrol servirá este ano de punto de encontro para a ruada do martes de Entroido. Oito carrozas, catorce comparsas e cinco grupos intervirán nesta festa para a que tamén se inscribiron once parellas e oito persoas candidatas ao mellor disfrace individual.

O xurado, presidido nesta ocasión por Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural, terá como vogais a Milagros Castro, concelleira en representación do grupo municipal do PSdeG-PSOE; Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo; Rubén Cela, concelleiro en representación do grupo municipal do BNG; María Antón, concelleira en representación do grupo municipal do PP; Mercedes Rosón, subdirectora da Área de Cultura da USC; José Cebey Aldrey, representante do Consello de Relacións Veciñais, e Clodio González Pérez, representante do Museo do Pobo Galego. A secretaría do xurado compóñena Montse Cillero e Ana Rello, traballadoras da Concellaría de Acción Cultural.

Para as carrozas haberá tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros. No caso das comparsas, que deberán estar compostas por un mínimo de 15 persoas, entregaranse premios de 2.400, 2.000 e 1.000 euros. A estes, súmanse premios especiais ás mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do Concello de Santiago, con 1.200 euros para o primeiro premio, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. Na categoría de grupos, formados por entre 6 e 15 persoas, hai outros tres premios, de 800, 400 e 200 euros. Tamén serán premiados o disfrace á mellor parella, que recibirá 400 euros, e os mellores disfraces individuais, con 300, 200 e 100 euros para o primeiro, o segundo e o terceiro premio. Un total de 16.000 euros en premios para as mellores propostas entroideiras.

Percorrido e horarios
Comparsas, carrozas, grupos e participantes concentraranse na avenida de Ferrol dende as 16:30 horas. A partir das 17:30 horas, a comitiva porá rumbo ás rúas Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I.

A partir das 21:00 horas, a Sala Capitol servirá de escenario para a entrega dos premios nunha festa que contará coa actuación da banda O Sonoro Maxín.

Queima do Meco e despedida do Entroido
As celebracións do Entroido finalizarán mañá mércores, 14 de febreiro, coa queima do Meco. A figura abandonará os balcóns do Pazo de Bendaña, na praza do Toural, para presidir un desfile no que participará a comparsa A Ruliña de Laraño, e ao que poderán sumarse todos aquelas persoas que o desexen, preferiblemente vestidas de rigoroso loito. A praza Roxa será, un ano máis, escenario para a despedida Meco, nesta ocasión animada por Pepe Penabade con "Peccata Minuta".

Direcciones relacionadas



Compartir: