FESTAS

O domingo do Entroido encheuse de espectáculos para desfrutar en familia

11/02/2018 A segunda xornada do Entroido 2018 en Compostela prestou especial atención ao público miúdo. Dende ás 10:30 horas, nenas, nenos e maiores participaron na charanga matinal animada pola comparsa Os Conformistas de Conxo. A ruada saíu do Centro de Maiores de Conxo para seguir polo sanatorio, as rúas Sánchez Freire, García Prieto, Cornes, praza Roxa, República do Salvador, Xeneral Pardiñas, Alameda, praza do Toural, rúas Nova e do Vilar, praza de Praterías e rúas da Raíña e do Franco.

Ao chegar ao mediodía, a festa continuou no Teatro Principal. O Grupo Píscore e a Banda Municipal de Música dirixida por Casiano Mouriño, encheron até a bandeira o teatro compostelán cun espectáculo musical e humorístico dirixido a toda a familia.

Xa na tarde, a Sala Capitol converteuse en sede do Festival Infantil de Disfraces. Ao comezo da sesión, e mentres se inscribían as e os participantes do concurso, o obradoiro Sorrisos de Entroido puxo en práctica as mellores maquillaxes entroideiras. A seguir, música, bailes, xogos, agasallos e desfile de disfraces animados por A Run Run: Xogos e Enredos. Inscribíronse 41 participantes na categoría de mellor disfrace individual, 19 na de mellor disfrace de parellas e 11 na de mellor disfrace de grupos.

O xurado dos premios estivo conformado por Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural; Noa Morales, concelleira de Mocidade; Rubén Cela, voceiro do Grupo Municipal do BNG; Teresa Gutiérrez, concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular; Paco Reyes, voceiro do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE; e Montse Cillero, técnica de Acción Cultural que actuou en calidade de secretaria. Logo dunha intensa deliberación, outorgaron 11 premios repartidos nas diferentes categorías.

O recoñecemento ao mellor disfrace individual foi para o "Homiño de papel", que recibiu unha tablet como agasallo. Ao ocupar o segundo lugar, a "Lady Farrapos" recibiu como premio un lote de libros. O agasallo para a "Boneca Crochet", que ocupou o terceiro lugar, foi un xoguete da súa elección. E "Pinocho" e a "Pita do Monte", que ocuparon respectivamente o cuarto e quinto lugar desta categoría, recibiron como premio unha tarxeta agasallo.

En canto ao mellor disfrace por parellas, foron os "Piratas" os "Trolls" e o "Sistema Solar" os escollidos en primeiro, segundo e terceiro lugar, respectivamente. En correspondencia con esa orde, recibiron como premios dúas tablets, dous lotes libros e dous xoguetes.

Finalmente, na categoría ao mellor disfrace de grupos, o xurado outorgou o primeiro premio aos "Armatroulas", que recibiron unha tarxeta agasallo de 200 euros. Segundos quedaron os "Reloxos de cuco", premiados cunha tarxeta agasallo de 150 euros. Pecharon o cadro de premiados "As sardiñas da Churrasquiña", que recibiron unha tarxeta agasallo por valor de 100 euros.

Luns de Entroido
O programa das festas do Entroido continúa o luns 12 no Pazo de Bendaña. Baixo a atenta ollada do Meco, empoleirado no seu balcón, a sede da Fundación de Granell dará acubillo a un feixe de obradoiros cos que preparar os materiais para disfrazarse ao xeito. Das 12:00 ás 14:00 h, caretas de boteiro e traxes de pirata. E das 17:00 ás 19:00 h, garabatas e gafas rechamantes e sombreiros de cores. A entrada para os obradoiros é libre e as prazas iranse ocupando por orde de chegada.

Durante toda a mañá e até as 14:00 h, continuará aberto o prazo para se inscribir no concurso de disfraces, carrozas, comparsas e grupos do martes de Entroido. As inscricións deben formalizarse no Departamento de Festas, localizado no Teatro Principal. Para as carrozas haberá tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros. No caso das comparsas, que estarán compostas por un mínimo de 15 persoas, entregaranse premios de 2.400, 2.000 e 1.000 euros. Na categoría de grupos, formados por entre 6 e 15 persoas, hai tamén tres premios, de 800, 400 e 200 euros. Tamén terán premios o disfrace á mellor parella, que recibirá 400 euros, e os mellores disfraces individuais, con 300, 200 e 100 euros para o primeiro, o segundo e o terceiro premio.

Martes de Entroido
A gran cita do Entroido de Santiago será o desfile do martes de Entroido. Ás 17:00 horas, a avenida de Ferrol servirá de punto de encontro para as carrozas, comparsas e charangas que participen no desfile. A principal novidade deste ano é que o punto de partida muda a esta rúa por mor das obras que se están executando na estación de ferrocarril. A Sala Capitol será nesta ocasión o escenario da entrega dos premios ás mellores carrozas, comparsas, grupos, parellas e disfrace individual, así como para as mellores comparsas procedente das parroquias e barrios de Santiago.

Compartir: