TURISMO

Preséntase o Plan Estratéxico do Turismo de Santiago no Consello Municipal

09/02/2018 O Auditorio de Galicia acolleu un xuntanza ordinaria do Consello Municipal de Turismo, con tres puntos destacados na orde do día: presentación e análise dos principais datos turísticos do 2017, presentación das principais liñas de traballo de promoción de Turismo de Santiago previstas para o 2018, e presentación do Plan Estratéxico do Turismo de Santiago 2017-2022.

No primeiro punto, dende Turismo de Santiago presentouse unha análise cos principais datos do 2017, empregando diversas fontes oficiais, como o INE, AENA e a Oficina do Peregrino. A cidade conseguiu marcar novos máximos históricos nas tres principais variables que marcan a evolución do turismo na cidade: pernoctacións, tráfico no aeroporto e Compostelas entregadas.

O ano pasado rexistráronse na cidade 1.459.130 pernoctacións, superando en preto de 30.000 os resultados do último Ano Santo, cando se rexistraran 1.430.183. O crecemento acumulado do ano 2017 foi do 6,37%, continuando coa tendencia positiva dos últimos anos. Este crecemento apoiouse no turismo internacional, que subiu un 12,03% e que continúa gañando peso ata representar xa a metade das pernoctacións da cidade.

Tamén no Camiño de Santiago conseguiuse superar por primeira vez a cifra de 300.000 Compostelas entregadas, por riba mesmo dos datos do Ano Santo 2010. A cifra final foi de 301.006 persoas, das cales 168.541 foron dos mercados internacionais, que representaron xa o 56% do total.

Liñas de promoción
A continuación, Turismo de Santiago presentou as principais liñas de promoción que desenvolverá a entidade municipal no 2018. Neste ano seguirase a estratexia de promoción dos anos pasados, centrándose nos mercados internacionais máis interesantes para Santiago, destacando tanto os mercados europeos con conexión aérea directa (Italia, Alemaña, Francia, Reino Unido, Irlanda, Países Baixos, Holanda, Suíza), como os mercados globais que representan oportunidades claras para a cidade, como EEUU, Xapón, Corea do Sur ou Australia.

Nesta liña, Turismo de Santiago estará presente, directamente ou a través das redes de cidades das que forma parte, nas principais feiras turísticas europeas, como Fitur, ITB de Berlín, Salon des Vacances de Bruxelas, Salon du Tourisme de París, TTG Rimini ou a WTM de Londres. Tamén estará en grandes feiras americanas e asiáticas, como WTM São Paulo, JATA Tokio e ITB Asia en Singapur.

Ademais, Turismo de Santiago tamén organizará e participará en múltiples accións de promoción, como workshops, xornadas de traballo conxunto, viaxes de xornalistas á cidade ou viaxes de profesionais para coñecer Santiago e as súas posibilidades turísticas. Destacan, por exemplo, un roadshow en Italia, un workshop en Amsterdam, unhas xornadas inversas en Estados Unidos ou unhas xornadas en Xapón e Corea do Sur.

Guía de traballo ata o 2022
Como terceiro punto da orde do día, presentouse un resumo executivo do Plan Estratéxico do Turismo de Santiago 2017-2022. No 2003 elaborouse o primeiro Plan Estratéxico do Turismo de Santiago, que estaba pensado ata o 2008. No ano 2009 elaborouse unha actualización deste plan estratéxico, definida para o período 2009-2015. O segundo Plan Estratéxico do Turismo de Santiago definirá os principais obxectivos e retos no ámbito turístico ata o ano 2022.

A principal finalidade do plan é dotar á cidade dunha guía de traballo para consolidar a Santiago como un destino turístico sostible. O Plan, elaborado a partires dun proceso participativo con importante presenza do sector nas mesas de traballo e enquisas personalizadas, establece unha serie de retos para a cidade no ámbito turístico. A consecución dos retos establecidos no Plan precisa da colaboración e do traballo conxunto entre todas as entidades, públicas e privadas, que teñen relación co sector turístico de Santiago.

A visión do Plan Estratéxico é conformar o que será o turismo compostelán máis alá do Ano Santo 2021, cunha mirada a longo prazo baseada na sustentabilidade turística a tres niveis: social, económico e medioambiental. O gran obxectivo do Plan é facer de Santiago un destino sustentable, mellorando o entendemento entre turismo e poboación, conseguindo a xeración de riqueza e unha actividade económica de maior calidade, aumentando a competitividade e a rendibilidade do sector.

Catro grandes retos
O Plan Establece catro grandes retos turísticos a conseguir de cara ao 2022 e un reto transversal de cidade. Os catro grandes retos turísticos son: gobernanza, descentralización, desestacionalización e sustentabilidade. Ademais, apúntase a xentrificación como gran reto de cidade que vai más aló das políticas turísticas.

No reto da gobernanza, trátase de replanificar o modelo turístico de Santiago para lograr unha nova forma de xestión máis eficaz a través da coordinación real de todos os axentes clave con competencias sobre o turismo da cidade, buscando a sustentabilidade do modelo a longo prazo, sen esquecer os criterios de rendibilidade.

No relativo á desescentralización, trátase de buscar novos polos de atracción turística na procura dunha mobilidade máis optimizada dos fluxos turísticos, en base ao seu poder de atracción, da planificación a través das novas tecnoloxías e tamén das novas formas de entender o turismo polos novos viaxeiros, que buscan viaxes máis experienciais, motivacionais e cargadas de vivencias.

En terceiro lugar inclúese o gran reto da desestacionalización. A marcada polarización entre a ocupación turística en tempada alta e tempada baixa en Santiago, así como a baixa estancia media dos visitantes, é unha problemática grave que debe ser abordada con decisión. O obxectivo é aumentar a rendibilidade do turismo en Santiago a través dun maior consumo por visitante, a selección dos segmentos máis prioritarios para o modelo de turismo que se pretende impulsar e lograr unha maior permanencia ao longo de todo o ano.

O último reto turístico é a definición dun modelo de desenvolvemento turístico sustentable social, económica e medioambientalmente. No eido social é fundamental lograr un entendemento entre veciñanza e visitantes. No eido económico, débese garantir a distribución da rendibilidade turística por toda a cidade para que os beneficios do turismo repercutan en todo o Concello. No eido medioambiental e patrimonial, débese asegurar a conservación dos recursos endóxenos, fomentar un uso racional e responsable dos recursos e fomentar o desenvolvemento turístico baixo criterios de equilibrio territorial.

Actualmente, a Cidade Histórica está vendo decrecer o seu número de habitantes por diferentes motivos que se suman: envellecemento da poboación, déficit de servizos en comparación con outros barrios do Concello, problemas de aparcamento… Entre estes motivos tamén se inclúe o fenómeno turístico, que polo seu dinamismo na cidade e as novas formas de aloxamento, fomenta que vivendas residenciais se dediquen á oferta turística.

Neste sentido, dende o Plan de Turismo de Santiago defínese o reto da xentrificación, concibido como un reto que vai máis aló da propia dimensión turística, xa que se trata dunha problemática de cidade, que require do impulso e coordinación doutros ámbitos con competencias directas nas políticas do Casco Histórico, desenvolvemento urbano e vivenda.

Compartir: