FESTAS

O desfile do Meco abriu o Entroido compostelán

10/02/2018 O Meco é un ano máis o protagonista do Entroido en Santiago. A figura deseñada por José Manuel Méndez realizou o seu xa tradicional desfile dende a praza de Cervantes ata a do Toural, á fronte dunha festeira comitiva animada polas comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño.

Chegado ao Toural, subiu aos balcóns do Pazo de Bendaña para presidir dende alí os actos festivos programados para todo o Entroido. Co Meco instalado neste privilexiado outeiro, o pregón das festas correu a cargo de Carlos Santiago e a banda convidada IGMIG, que logo actuou no Teatro Principal por mor da choiva.

Charanga, concerto e festival de disfraces para o domingo
As actividades proseguen o domingo 11 a partir das 10:30 horas e durante toda a mañá con animacións de rúa por conta de Os Conformistas de Conxo. A comparsa principiará no Centro de Maiores de Conxo un itinerario que transitará pola praza Roxa, a Alameda e diversas rúas do casco histórico compostelán ata chegar á rúa do Franco.

Ás 12:00 horas, o Teatro Principal acollerá o concerto entre a Banda Municipal de Música de Santiago e o Grupo Píscore, unha nova compañía de música e comedia xestual que anova a escena do humor do país. No programa Concerto singular, o grupo e maila Banda ofrecerán un espectáculo musical e humorístico realmente especial con entrada de balde.

Xa na tarde, a partir das 16:30 horas, terá lugar o festival infantil de disfraces na Sala Capitol. Obradoiro de maquillaxe, música e premios nunha festa con entrada de balde e animada por A Run Run: Xogos e Enredos. O concurso de disfraces outorgará tres agasallos en cada categoría: aos disfraces de grupos, por parellas e individuais. Poderán participar no concurso nenas e nenos ata os 14 anos e as inscricións deberán realizarse entre as 16:30 e as 17:45 horas na propia sala.

Obradoiros de Entroido
O programa de festas continúa o luns 12 ao mediodía no Pazo de Bendaña. A sede da Fundación Granell acollerá distintos obradoiros cos que aprendermos a facer todo canto se precisa para disfrazarse ao xeito: caretas de boteiro, traxes de pirata, garabatas, gafas e sombreiros. A entrada tamén é libre e as prazas iranse ocupando por orde de chegada.

Desfile do martes de Entroido
O martes 13 de febreiro, ás 17:00 horas, a avenida de Ferrol servirá de punto de encontro para as carrozas, comparsas e charangas que participen no desfile. A principal novidade deste ano é que o punto de partida muda a esta rúa por mor das obras que se están executando na estación de ferrocarril. A Sala Capitol será nesta ocasión o escenario da entrega dos premios ás mellores carrozas, comparsas, grupos, parellas e disfrace individual, así como para as mellores comparsas procedente das parroquias e barrios de Santiago.

O prazo para participar no desfile concurso segue aberto. As inscricións deben formalizarse no Departamento de Festas, localizado no Teatro Principal, antes das 14:00 horas do 12 de febreiro. Para as carrozas haberá tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros. No caso das comparsas, que estarán compostas por un mínimo de 15 persoas, entregaranse premios de 2.400, 2.000 e 1.000 euros. Na categoría de grupos, formados por entre 6 e 15 persoas, hai tamén tres premios, de 800, 400 e 200 euros.

Compartir: