XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a instalación dos elementos de xogo dos parques infantís de Outeiro de Sar e Pablo Iglesias

09/02/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a adxudicación dos elementos de xogo de dous parques infantís: un de nova creación na rúa Outeiro de Sar, e outro que será remodelado no parque de Pablo Iglesias, no barrio de Guadalupe. En total, investiranse nesas áreas de xogo máis de 200.000 euros.

O alcalde, Martiño Noriega, foi o encargado de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno. Tal e como lembrou, a instalación dun novo parque infantil en Outeiro de Sar foi unha das propostas derivadas do proceso de Orzamentos Participativos de 2017. O contrato foille adxudicado hoxe á empresa Lappset España, por un importe de algo máis de 145.000 euros, IVE incluído. En canto á área de xogos do parque de Pablo Iglesias, investiranse preto de 80.000 euros na súa remodelación. A actuación correrá a cargo da empresa HPC Ibérica e, tal e como lembrou, o alcalde "viña sendo demandada pola veciñanza desde hai anos".

CEIP Quiroga Palacios
Tamén haberá un novo parque infantil no CEIP Quiroga Palacios, despois de que a Xunta de Goberno aprobara hoxe o proxecto que contempla esa dotación e máis a ampliación do patio do centro escolar. Na actuación vanse investir preto de 80.000 euros, e o prazo de execución estimado é de dous meses.

Segundo explicou o alcalde, "o CEIP Quiroga Palacios dispón na actualidade dun patio de xogos duns 300 metros cadrados, e o obxectivo é chegar aos 500". Para iso, utilizarase unha zona actualmente sen uso "que mesmo permitirá habilitar un pequeno horto-xardín".

Obras de pavimentación
En materia de obras, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse a adxudicación das obras de mellora e rehabilitación de pavimentos nas parroquias de Sabugueira, Figueiras e Marrozos. O proxecto, vinculado ao POS 2016 da Deputación da Coruña, será executado por Obras y Viales de Galicia e suporá un investimento de 130.000 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: