XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local mellorará a praza de acceso ao campo de fútbol de Santa Isabel

09/02/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto de acondicionamento da praza de acceso ao campo de fútbol de Santa Isabel. Trátase dunha actuación que completa as que se van acometer nas instalacións deportivas para mellorar o seu céspede e a súa accesibilidade. As obras custarán 72.000 euros.

O alcalde, encargado de dar conta dos acordos da Xunta de Goberno, explicou que a actuación aprobada hoxe "demostra que para o Executivo é prioritario mellorar as instalacións deportivas de Santa Isabel, referente para a cidadanía de Compostela. O proxecto permitirá solucionar as deficiencias dos accesos dende a rúa de Tras Santa Isabel, un espazo duns 700 metros cadrados que presenta problemas de accesibilidade, carece de sinalización e ten o pavimento en mal estado. O orzamento da actuación é de 72.000 euros, IVE incluído, e o prazo de execución será de dous meses.

A actuación completará as obras de mellora da accesibilidade no campo de Santa Isabel, orzadas en 116.000 euros, máis a renovación do céspede das instalacións, á que se destinará máis de medio millón de euros. Deste xeito, o campo de Santa Isabel recibirá neste 2018 o maior investimento dos últimos anos.

Centro de persoas sen fogar
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe solicitar que a creación dun centro municipal de atención ás persoas sen fogar sexa unha das operacións financiadas con fondos europeos no marco da EDUSI. O proxecto está orzado nun millón de euros, e o obxectivo é que o centro estea rematado a finais de 2020.

O centro está concibido para suplir os déficits que ten Santiago na atención ás persoas sen fogar, xa que non existe ningún recurso de acceso libre para elas que estea aberto as 24 horas do día e os sete días da semana. A súa creación suporía un investimento dun millón de euros, dos que 800.000 procederían de fondos europeos.

ARI de Vite
Esta mañá tamén recibiu luz verde inicial o estudo de detalle do ámbito 5 da Área de Rehabilitación Integral de Vite, o último que quedaba pendente. Este documento aféctalle ás rúas de Blanco Amor e Otero Pedrayo e é o que habilita a ocupación do dominio público e das superficies comúns de uso privativo para a instalación de ascensores ou outros elementos que aseguren a accesibilidade universal, así como para a realización de obras ou instalacións vinculadas á eficiencia enerxética.

No pasado mes de decembro, a Xunta de Goberno xa aprobara os outros catro estudos de detalle da ARI de Vite, pero o que hoxe recibiu luz verde inicial "era máis complexo, porque hai afectación do Camiño de Santiago e do patrimonio de Ponte Mantible". A aprobación dos estudos de detalle permite que as comunidades veciñais poidan facer os proxectos para a instalación de ascensores e participar na convocatoria de axudas para as ARIS, sempre que a previsión sexa que as obras estean rematadas ao longo de 2018.

Comisión do Xacobeo
Na súa xuntanza de hoxe, o Goberno tamén acordou designar o alcalde, Martiño Noriega, como vogal titular na Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, en representación do Concello de Santiago. A vogal suplente será a concelleira de Turismo, Marta Lois.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: