MOCIDADE

Nova edición de "Cociñando coas avoas", na que os mozos e mozas aprenderán a elaborar as sobremesas típicas do Entroido

06/02/2018 A Aula de Formación da Praza de Abastos acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do obradoiro de cociña para a mocidade "Cociñando coas avoas", que se celebrará este xoves 8 de febreiro de 18:00 a 20:00 horas. As encargadas de impartilo serán as cociñeiras Victoria Bar, Carmen Cabanas e Sara García, cunha ampla experiencia na cociña vinculada á hostalaría.

Neste obradoiro, dirixido a mozos e mozas de ata 30 anos, elaborarán as sobremesas típicas do Entroido, como filloas, orellas e rosquillas. Como indicou a concelleira de Mocidade, Noa Morales, durante o obradoiro "van a explicar a elaboración e as receitas de pratos tradicionais de Entroido, que xunto cos participantes cociñarán e degustarán ao remate". As tres cociñeiras elaboraron filloas para degustar cos xornalistas a modo de proba do que se poderá realizar durante este obradoiro. As tres explicaron os mellores "trucos" para que saian boas como, por exemplo, "non botar moita cantidade para que saian finas, e ter paciencia". Ao mesmo tempo, deron a receita para as orellas, "cuxa masa hai que deixar a estirar para que a orella saiba mellor", e tamén para a elaboración de rosquillas.

Noa Morales quixo agradecer á xerencia da Praza o uso do espazo para a realización da actividade. A concelleira apuntou que "con esta acción queremos fomentar a ensinanza das receitas de sempre fronte ao que consumen maioritariamente os mozos e mozas", ao mesmo tempo que "buscamos amosar unha forma de mercar distinta á das grandes superficies, apostando polo comercio local, as tendas pequenas e os produtos locais e de proximidade".

Compartir: