CONSORCIO

O recoñecido director francés Pierre Bleuse debuta esta semana en España coa Real Filharmonía de Galicia

05/02/2018 A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos. O primeiro será o xoves 8 de febreiro na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, no marco da súa temporada de abono. O venres, a orquestra desprazarase a Ferrol, onde tocará no Teatro Jofre, tamén ás 20:30 horas, dentro da programación da Sociedade Filharmónica Ferrolá.

En ambas actuacións levará a batuta o mestre francés Pierre Bleuse, que dirixe por primeira vez en España, debutando coa Real Filharmonía de Galicia. É un director moi recoñecido no seu país e cunha dilatada traxectoria internacional por Europa, Estados Unidos e Asia. Mantén unha relación artística permanente coa Orquestra Nacional do Capitolio de Toulouse e coa Orquestra Nacional de Burdeos-Aquitania. Dende o ano 2014 é director da Orquestra da Fundación Animato (Suíza). Estudou dirección orquestral en Finlandia e en Suíza e, como violinista, gañou o primeiro premio do Conservatorio Nacional de París.

Nestes concertos contarase ademais coa colaboración como concertino de Teimuraz Janikashvili, principal violinista da Orquestra Simfònica del Vallès.

Obras de Roussel, Honegger e Beethoven
Os concertos de Santiago e Ferrol comezarán co Concerto para pequena orquestra de Albert Roussel (1869-1937), unha das principais figuras da música francesa da primeira metade do século XX.

A continuación, o público terá a oportunidade de gozar coa Pastoral de verán de Arthur Honegger (1892-1955). Trátase dun poema sinfónico, inspirado no verán que o autor pasou nos Alpes suízos. Nesta idílica composición podemos distinguir, na súa lírica obertura, o canto do paxaro no son da frauta e do clarinete, fragmentos de marcados ritmos populares, xunto a unha constante expresión de sentimentos que recorda o espírito da Sinfonía pastoral de Beethoven.

E os concertos concluirán precisamente coa Sinfonía nº 6 de Beethoven (1770-1827), máis coñecida como "Pastoral" e que o compositor subtitulou como "Recordos da vida campestre". Era un gran amante da natureza e esta obra contén algunhas das pasaxes máis fermosas do músico, converténdose co paso do tempo nunha das obras centrais do repertorio sinfónico. Relata dende os apracibles sentimentos que produce a contemplación do campo ata a violencia das tempestades, despois das cales regresa de novo a paz e a felicidade.

Compartir: