CONVIVENCIA

O Concello activa un dispositivo especial de seguridade ante a previsión de baixas temperaturas

05/02/2018 O Concello de Santiago activará esta noite un dispositivo especial de seguridade, ante a previsión de baixas temperaturas e a posibilidade de que a neve chegue ao termo municipal. Para afrontar calquera eventual incidencia, reforzarase o servizo da Policía Local, os Bombeiros e Protección Civil a partir das dez da noite.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presidiu esta mañá unha reunión de coordinación na que tamén participaron a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, así como representantes da Policía Local, Protección Civil, os Bombeiros, e as empresas concesionarias dos diferentes servizos afectados.

O dispositivo especial quedará activado ás 22:00 horas. A Policía Local terá esta noite seis patrullas de servizo, o dobre do habitual, e tamén se reforzará o servizo de Bombeiros. Protección Civil, pola súa parte, manterá operativo un retén de seis persoas durante toda a noite. Urbaser, Ferrovial Servizos e Alcomte tamén terán equipos localizables durante toda a noite para afrontar posibles incidencias nos servizos de limpeza, parques e xardíns e mantemento de viarios.

Dúas saídas con sal
Na reunión desta mañá acordouse que se realizarán durante a noite dúas saídas para esparexer sal nos puntos máis conflitivos da rede viaria. A primeira saída será cara a medianoite, e a segunda pola madrugada.

O Concello ten deseñado un protocolo de intervención ante a presenza de xeo ou neve, que define tres niveis de alerta en función das rúas nas que se puideran detectar problemas. O primeiro deles inclúe a Costa de San Marcos, o viario Camilo Jośe Cela, a estrada de Chaián ata o Polígono do Tambre, os accesos ao Hospital Clínico, a avenida de Xoán XXIII dende Lino Villafínez ata a praza da Paz, a Costa de Santa Isabel, e os accesos á CRTVG.

O nivel de alerta 2 incorpora á lista anterior a zona de Amio e os accesos ao Polígono de Costa Vella, a Vía Edison, Salgueiriños e Meixonfrío, a avenida de Rodríguez de Viguri, Mestre Mateo, a Costa de San Francisco, a estrada de San Marcos dende San Lázaro ata Lavacolla, o acceso de Torrente Ballester ata a rúa Roma e os accesos á Cidade da Cultura. Por último, no nivel de alerta 3 inclúense máis dunha trintena de puntos da rede viaria, tanto do centro urbano (Rosalía de Castro, Xoán Carlos I, Senra ou as principais rúas de Fontiñas) como da periferia (tramos da SC-20, N-550 e C-543) ou distintas parroquias do municipio. A maiores, o operativo contempla varias zonas peonís nas que se espallaría sal no caso de que se detectaran placas de xeo, como as beirarrúas de Hortas e Costa do Cristo, Acibechería e Inmaculada, Castrón Douro, García Sabello ou a escalinata de San Lázaro a Monte do Gozo.

Servizos sociais
Ao tempo que o dispositivo de seguridade, tamén queda activado o protocolo de Servizos Sociais ante a situación de baixas temperaturas. Por este motivo, o equipo de rúa de Cruz Vermella fará saídas especiais esta noite para entregar roupa térmica ás persoas que o precisen. A Policía Local e Protección Civil tamén estarán especialmente atentas a situacións de vulnerabilidade das persoas que dormen na rúa, orientándoas e acompañándoas ao albergue de Xoán XXIII ou a outros servizos existentes na cidade no caso de que sexa necesario.

Compartir: