ALCALDÍA

O alcalde inaugura a IX edición da Exposición de Camelia da Rocha Vella

03/02/2018 Esta mañá quedou inaugurada a Exposición de Camelia da Rocha Vella, que organiza a Asociación Cultural Rocha Forte por noveno ano. Foi cun acto que estivo presidido polo alcalde, Martiño Noriega, e que contou coa actuación do cantautor Manuele de Felisa.

No acto, ao que tamén asistiu o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, o alcalde mostrou o respaldo do Concello á exposición, "que pon en valor a flor que máis nos identifica como pobo, que mellor representa a nosa diversidade". Martiño Noriega agradeceu o traballo da Asociación Cultural Rocha Forte e do seu presidente, Carlos Delgado, porque "levan xa nove anos organizando esta mostra que pon en valor esta especie chegada do Xapón". Tamén loubou a dedicación dos expositores, que "mostran que son verdadeiros orfebres das flores".

A Exposición de Camelia poderase visitar hoxe e mañá no Centro Sociocultural da Rocha. Na mostra participan uns 30 expositores, que achegan diferentes variedades desta flor de inverno. Despois da inauguración deste mediodía, pola tarde está prevista unha degustación de té feito con plantas de Galicia. A presidenta da Asociación Española da Camelia, Carmen Salinero, ofrecerá unha conferencia sobre a elaboración deste produto. Despois, haberá unha actuación do Coro de Habaneras Rocha Forte, dirixido por Sebastián Fernández Tapia. Mañá domingo, a exposición estará aberta en horario de dez da mañá a unha da tarde.

Compartir: