SAÚDE

O Concello súmase ao Día Mundial contra o Cancro iluminando de azul e laranxa o Pazo de Raxoi

02/02/2018 O Concello de Santiago súmase á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro, tinguindo o Pazo de Raxoi de azul e laranxa. Este 4 de febreiro, o Día Mundial contra o Cancro pon o foco nos millóns de persoas de todo o mundo que teñen que afrontar as desigualdades no acceso a servizos de detección precoz, tratamento e coidados oncolóxicos.

Dende a Unión Internacional contra o Cancro destácase a brecha global en materia de igualdade no acceso a servizos de detección precoz, tratamento e coidados. A UICC fai un chamamento por un acceso máis igualitario para reducir as mortes prematuras por cancro e por enfermidades non transmisibles nun 25% para 2025, en consonancia cos obxectivos da OMS.

Con todo, a consecución deste compromiso global pasa por atallar as desigualdades que existen en materia de exposición a factores de risco, no acceso ao cribado, á detección precoz, ao tratamento e aos coidados adecuados e precisos. Nesa liña, a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, sinalou que "o cancro non so é un problema de saúde, senón causa de desigualdade e pobreza porque as familias ven mermada a súa capacidade de traballo e ingresos. Ademais, os tratamentos farmacéuticos e psicosociais son custosos, por non estar garantidos no sistema público de saúde e prestacións sociais".

Hoxe en día calcúlase que se producen 8,8 millóns de mortes por cancro cada ano. Iso si, os países máis afectados polo cancro son os de rendas medias e baixas, xa que aproximadamente o 70% das mortes teñen lugar en países en desenvolvemento, que son os peor equipados para facer fronte ao cancro. O ámbito de maior desigualdade é o do cancro infantil, un grupo específico que a OMS destacou na súa resolución sobre o cancro de 2017, con taxas de supervivencia superiores ao 80 % en países de rendas altas e que non chegan ao 20% en países de rendas baixas.

Compartir: