ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal de Música rende homenaxe este domingo a Amador Santos Bartolomé

02/02/2018 A tenente de alcalde, María Rozas, presentou esta mañá o concerto que a Banda Municipal de Música de Santiago ofrecerá no Teatro Principal o vindeiro domingo, ás 12:00 h, para distinguir novamente a traxectoria do seu ex director Amador Santos Bartolomé. Rozas destacou a excelencia profesional do mestre e a riqueza da súa herdanza musical "logo de dedicar á dirección da banda a metade da vida, e facer de Compostela a protagonista de moitas das súas composicións orixinais".

O mestre burgalés tomou a batuta da Banda en 1967 e permaneceu á súa fronte até se xubilar en 2007. Neses 40 anos, exerceu tamén un recoñecido labor docente e compositor, do que fican numerosas pezas con referencia á cidade como "Tambre", "Ao pé da Berenguela", "Antealtares" e moitas outras. A rolda de prensa de presentación da homenaxe, contou tamén coa presenza de Santos Bartolomé e coa do actual director da Banda, Casiano Mouriño Maquiera.

Amador Santos Bartolomé lembrou a súa chegada a Santiago no ano 1.967, "cando atopei unha Banda municipal con moitos músicos pero sen profesionais, e tiven que afrontar a situación dende a relación persoal". Agora, dixo ,"temos unha Banda de Música que é unha marabilla escoitar, cun son envexable".

"Neste momento tardío da vida no que me atopo podo dedicarme máis á creatividade, porque eu sempre quixen compatibilizar a dirección coa composición, sobre todo de temas nacidos da tradición musical galega", dixo a propósito das dúas composicións súas que se interpretarán neste concerto especial.

Pola súa banda, Casiano Mouriño recoñeceu que "no ano no que celebramos o 170 aniversario da Banda non podíamos deixar de contar cunha figura que é historia da formación". O director da Banda Municipal expresou o seu desexo de que "o mestre quede satisfeito coa interpretación das dúas pezas que el asina, e que se poderán escoitar o domingo".

Baixo o título "Un paseo con Santos Bartolomé", o programa do concerto inclúe pezas de Gerómino Giménez, Reveriano Soutullo, Fernando Gontad Losada e Julio Gómez, amais da estrea de dúas novas composicións do propio Santos Bartolomé. Trátase do pasodobre "Juan Casas" e da fantasía galega "O camiño do mar", ambas obras compostas en 2017. O acceso ao concerto é libre até completar o aforo do Teatro Principal.

Outras actuacións da Banda
Non é esta a única actuación da Banda Municipal na semana. Mañá sábado, día 3, a formación participará nas festas do barrio do Sar cun concerto ás 13:00 horas na Colexiata Santa María a Real. Nesta ocasión, presentarán un programa con obras como "Martinica", de R.F. Groba, ou as muiñeiras "O bico", de Xoán Montes, e "Namoriqueira", de J. Carracedo Pousada, alén doutras pezas de R. Dorado Janeiro, R. de San José Redondo, E. García Rey e Adonis Ferreiro.

A vindeira semana, e na compaña do Grupo Píscore, a Banda ofrecerá tamén catro concertos didácticos no Auditorio de Galicia e un novo concerto aberto no Teatro Principal. Este último, encadrado no ciclo Cultura en familia, terá lugar o domingo 11 de febreiro ás 12:00 horas e será tamén de entrada libre. Píscore é unha nova compañía de música e comedia xestual que anova a escena do humor do país. No programa Concerto Singular, o grupo e maila Banda ofrecen un espectáculo musical e humorístico realmente especial.

O calendario de concertos de febreiro inclúe outras dúas citas. O venres 16, ás 20:30 h, o Auditorio de Galicia acollerá unha actuación conxunta entre a Banda Municipal e a do Conservatorio Profesional de Música, cun repertorio de compositores como Mussorgski, Ces Calvo e Aparicio-Barberán. Xa o domingo, 25 de febreiro, a Banda volve ao Principal, ás 12:00 h, co programa Converxencias, no que compartirá escenario co grupo portugués Cando D’Aquí.

O Ciclo de Inverno da Banda Municipal proseguirá no mes de marzo con novos concertos e actividades cos que a formación continúa a celebrar o seu 170 aniversario.

Documentos relacionados



Compartir: