XUNTA DE GOBERNO

O Goberno inicia a avaliación do servizo da auga para estudar posibles modelos de xestión

02/02/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe designar ao director da Área de Espazos Cidadáns e Urbanismo como interventor técnico do contrato de abastecemento e saneamento da auga de Compostela, ao tempo que modificou a composición da Comisión Técnica para a avaliación do servizo. Trátase dos primeiros pasos para avaliar a situación actual do contrato, de cara a estudar posibles modelos de xestión ao remate da actual concesión, en maio de 2019. Nas próximas semanas tamén se contratarán dúas auditorías ao respecto, unha técnica e outra económica.

O alcalde lembrou que o actual contrato de abastecemento e saneamento da auga, coa empresa Viaqua, remata en algo máis dun ano. O Goberno, explicou Martiño Noriega, "quere estudar as diferentes vías e modelos de xestión para este servizo, e quere facelo con total rigor e amparado por unha comisión de recoñecida solvencia técnica". De aí a decisión de nomear a Ignacio Cerrada, director da Área de Espazos Cidadáns, como interventor técnico do contrato de saneamento e abastecemento de auga, e a creación dunha comisión técnica da que formarán parte o propio Ignacio Cerrada, o director da Asesoría Xurídica municipal, a directora da Área Económica e de Persoal, a xefa do Servizo de Contratación e Servizos, o xefe do Servizo de Obras, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, a concelleira de Facenda e Persoal, e o xefe do Gabinete da Alcaldía.

As dúas decisións adoptadas na Xunta de Goberno de hoxe completaranse coa contratación de dúas auditorías: unha económica da execución do contrato con Viaqua, e unha auditoría técnica da situación do servizo, da que se encargará Emalcsa. Martiño Noriega incidiu en que "eses dous estudos serán fundamentais para falar con rigor das opcións que temos para a prestación do servizo". O alcalde engadiu que "temos interese en estudar seriamente a xestión directa do ciclo integral da auga, pero sabemos que o da recuperación de servizos é un proceso moi complicado, e máis no marco lexislativo actual".

A comisión técnica para a avaliación do servizo da auga, coordinada polo interventor técnico do Contrato, terá como obxectivo elaborar un estudo técnico que determine o estado da concesión, fiscalice as actuacións realizadas en consonancia co contrato, e concrete as condicións de entrega das instalacións utilizadas na concesión. Este estudo será fundamental de cara a que, cando finalice o actual contrato, se continúe prestando o servizo sen incidencias, independentemente de cal sexa a fórmula elixida para a súa xestión.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: