TURISMO

As Cidades Patrimonio da Humanidade, no Salon des Vacances de Bruxelas

02/02/2018 As Cidades Patrimonio da Humanidade continúan coas accións de promoción previstas no Plan Operativo 2018 cunha nova campaña internacional para a captación de viaxeiros no Salon des Vacances de Bruxelas, a feira de turismo máis importante de Bélxica.

O Salon des Vacances, que se celebra do 1 ao 4 de febreiro, é unha das feiras de turismo máis importantes de Europa e a principal feira do sector turístico en Bélxica. Dirixida especialmente ao consumidor final e cunha participación de 698 expositores de máis de 55 países diferentes e 97.586 visitantes en 2017, convértese en escaparate ideal para presentar estes 15 destinos.

As Cidades Patrimonio disporán neste evento dun espazo propio dentro da caseta de Turespaña, desde o cal o técnico de turismo do Grupo informará sobre a riqueza patrimonial, turística e cultural das 15 Cidades aos potenciais turistas do mercado belga, un emisor de especial atractivo para os destinos patrimoniais polo seu poder desestacionalizador e a súa fidelidade, e polos seus intereses en cultura, gastronomía e natureza.

O mercado belga
A pesar de ser un mercado emisor maduro, o mercado belga mostrou un excelente comportamento nos últimos anos, cun crecemento do 37% entre 2012 e 2016. No ano 2016 visitáronnos 2,3 millóns de turistas belgas, o que representa un crecemento do 2,7% respecto ao ano anterior e, no primeiros 11 meses de 2017, os datos volven ser positivos, rexistrando un crecemento do 7% no fluxo de turistas con respecto a 2016.

Segundo datos de Turespaña e da enquisa de WES (West Vlaams Economisch Studie Bureau) que analiza a posición do noso país como destino turístico, España é o terceiro destino das viaxes dos belgas ao estranxeiro, cun 11,2% de cota de mercado. Ademais, esta mesma enquisa reflectiu que un 36% dos belgas ten intención de viaxar a España.

A principal motivación das viaxes é o lecer, 86%, e adoitan viaxar sen paquete, 74%, sendo os seus destinos preferidos Canarias, Cataluña e Andalucía. Segundo a estimación de Turespaña, un 57% inclúe as visitas a cidades entre as súas principais actividades.

Plan Operativo de Turismo do Grupo
O Plan Operativo do Grupo para 2018 continuará coa liña de promoción, representación e comercialización das 15 cidades baixo o selo de calidade excepcional que outorga formar parte da lista de Patrimonio Mundial de Unesco. Nesta ocasión, o Plan estará marcado tamén polas celebracións do 25 aniversario da creación do Grupo e incluirá diversas celebracións e accións conmemorativas especiais. 2018 é tamén o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Ademais levar a cabo diversas presentacións directas e exposicións, ao longo do ano está previsto participar nos principais eventos e feiras nacionais e internacionais do sector, tanto nos principais mercados emerxentes como nos máis consolidados; Fitur (Madrid), Salon des Vacances (Bruxelas), Reisen Hamburg (Hamburgo), Salon Mondial du Tourisme (Paris), ITB Berlín e WTM Londres, ITB Asia (Singapur), JATA Tokio e CITM China, entre outras.

Compartir: