CENTROS CÍVICOS

Adxudicado o servizo de dinamización e mediación sociocultural da rede de centros cívicos

24/01/2018 A Xunta de Goberno vén de adxudicar á empresa Ferrovial o servizo de dinamización e mediación sociocultural da rede de centros cívicos do Concello de Santiago. O contrato ten un orzamento de 1.120.000 euros anuais e terá unha vixencia de dous anos, prorrogables por outros dous. A de Ferrovial foi a oferta mellor valorada, sobre todo no relativo á proposta de organización técnica da rede e á programación presentada.

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos deu conta hoxe da adxudicación. Concha Fernández explicou que Ferrovial "obtivo unha puntuación sensiblemente superior á lograda pola outra empresa que aspiraba ao contrato, Arasti Barca". Tal e como relatou a concelleira, "Ferrovial obtivo moita mellor valoración técnica en cuestións sensibles no servizo como o organigrama da rede, o plan de control de calidade ou o plan de igualdade de xénero". Ademais, "a proposta de programación presentada de Ferrovial foi moito mellor puntuada que a de Arasti".

Máis orzamento e máis horas de actividades
A concelleira de Centros Cívicos lembrou que "a adxudicación do servizo responde a un prego moi ambicioso e moi estrito, que se elaborou pensando nas moitas eivas que viña presentando a rede de centros cívicos". Unha das súas novidades tiña que ver co orzamento "que pasou dos 885.000 euros anuais fixados no contrato de 2012 aos case 1,2 millóns de euros anuais previstos nesta licitación, un 29% máis e a cifra máis alta do servizo na historia do Concello de Santiago".

En canto ás horas de actividades, Concha Fernández apuntou que no prego establecíase unha contía mínima anual de 32.104 horas de actividades, e Ferrovial comprometeu na súa oferta unha ampliación da bolsa de horas de subcontratación de 4.800 horas. A concelleira destacou que o prego "introduce novas temáticas de actividades nos centros vinculadas coa participación cidadá, a economía social e sustentable ou as competencias dixitais avanzadas, que nunca se impartiran por mor do modelo de adxudicación do servizo".

Evitar cesións ilegais de traballadores
Unha das cuestións na que máis énfase puxo o prego da licitación do servizo de dinamización da rede de centros cívicos foi a relativa ao persoal. Concha Fernández lembrou que "o obxectivo do Goberno nesta adxudicación era evitar novos casos de cesións ilegais de traballadores, despois das oito sentenzas xudiciais nese sentido chegadas ao Concello nos últimos catro anos e as tres demandas nese sentido que aínda non se resolveron". A concelleira de Centros Cívicos salientou que "as precaucións adoptadas non impiden que por primeira vez se recoñezan os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do servizo, contemplando no prego a subrogación de 51 persoas, fronte aos 16 traballadores e traballadoras subrogados na anterior licitación de 2012".

O novo prego tamén recolle as distincións de funcións, responsabilidades e remuneracións entre os monitores e monitoras e os animadores e animadoras; e especifica cales son as funcións reservadas aos empregados públicos dentro da rede de centros cívicos e cales as que lle corresponde ao persoal da empresa adxudicataria do servizo. Concha Fernández mostrouse convencida de que as melloras introducidas neste prego "redundarán nunha mellora da oferta da rede de centros cívicos e, xa que logo, nunha maior satisfacción dos usuarios e usuarias".

Compartir: