MEDIO RURAL

O Goberno destinará as achegas provinciais do POS+ á mellora de equipamentos deportivos e socioculturais do rural

23/01/2018 O Concello de Santiago volverá destinar á zona rural a totalidade das achegas do POS+ da Deputación da Coruña, que suman 1,7 millóns de euros. Desta vez, os investimentos estarán centrados na mellora dos equipamentos deportivos e socioculturais, despois dos esforzos dos últimos anos no acondicionamento da rede viaria das parroquias.

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial foi o encargado de dar conta dos proxectos incluídos no POS + da Deputación da Coruña. Rafael Peña reiterou a vontade do Goberno "de destinar ás parroquias a totalidade do orzamento que a Deputación da Coruña lle achegará ao Concello de Santiago, como maneira de procurar o reequilibrio territorial entre o centro urbano e as parroquias". Ademais, o edil explicou que "despois de destinar ao mantemento da rede viaria os plans provinciais dos dous últimos anos, podemos destinar os fondos da Deputación a proxectos máis ambiciosos que melloren a calidade de vida nas parroquias". Nesa liña, lembrou que a zona rural forma parte dos contratos de mantemento "que se seguirán dotando de fondos neste ano".

Cinco proxectos ambiciosos
Un dos proxectos incluídos no POS + de 2018 é a construción dun edificio de usos múltiples en Lavacolla, ao que se destinan 312.000 euros. A intención do Goberno é que "o local sexa utilizado polo alumnado do colexio de Lavacolla en horario lectivo e pola veciñanza da parroquia cando non haxa clase, optimizando así a utilización dos recursos". Esta actuación, segundo apuntou Rafael Peña, vaise complementar co proxecto impulsado pola Consellería de Educación para acondicionar unha zona de aparcamento próxima.

O Goberno tamén destinará 292.000 euros procedentes da Deputación da Coruña á mellora de equipamentos deportivos e comunitarios e sociais en Figueiras. Rafael Peña explicou que "o proxecto inclúe a renovación do espazo deportivo existente, e a recuperación dun espazo adxacente que se convertirá nunha pista de padel, así como a mellora dos accesos".

Outra das actuacións incluídas no POS+ é o acondicionamento da contorna do Centro Cívico da Gracia. A este proxecto destínanse máis de 286.000 euros, que permitirán mellora a accesibilidade do edificio, mudarase a localización da área de xogo infantil que na actualidade está baixo unhas liñas de baixa tensión, e dotarase á parroquia dun circuíto biosaúdable.

O cuarto proxecto que será posible grazas ás achegas provinciais será a instalación dunha cuberta na pista polideportiva de Verdía, orzamentada en 150.000 euros. A actuación aféctalle ao espazo deportivo localizado ao carón da vella estación do ferrocarril "e permitirá que a veciñanza da parroquia utilice este espazo non só para eventos deportivos senón tamén para festas ou xuntanzas doutro tipo".

O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial explicou que o Concello presentou como proxecto complementario ao POS+ o acondicionamento dunha senda peonil na rúa de San Martiño de Aríns. Rafael Peña sinalou que se trata "dunha actuación moi ambiciosa, cun orzamento previsto de case 407.000 euros, que permitirá mellorar os accesos ao Monte do Gozo". Este proxecto foi incluído no Plan Complementario do POS+ "seguindo as instrucións da Deputación da Coruña, que solicitou que se utilizara o complementario para proxectos ambiciosos porque vai haber unha importante achega de remanentes". A actuación afectarálle a un tramo de 3,5 quilómetros, e o seu acondicionamento responde a unha demanda histórica da veciñanza de Aríns "porque nesa rúa atópanse equipamentos comunitarios moi utilizados, desde o centro sociocultural ata o cemiterio".

Actuacións do POS+ 2017
Rafael Peña aproveitou a súa comparecencia para dar conta do próximo inicio da licitación de dúas actuacións contempladas no POS+ de 2017. O primeiro proxecto é o de mellora dos accesos a Busto, cun orzamento de 182.000 euros. Os traballos aféctanlle a un tramo de dous quilómetros, "completando así a actuación executada o ano pasado en 3,5 quilómetros do mesmo viario". A segunda actuación que sairá a licitación nas próximas semanas é a mellora do pavimento na parroquia da Gracia, por un importe de 110.000 euros.

Ademais, outros catro proxectos financiados con fondos provinciais están pendentes de recibir as pertinentes autorizacións sectoriais para iniciar a súa contratación. Trátase da ampliación da ponte na rúa Xunlla de Laraño, o acondicionamento do campo da festa do Eixo para habilitar dúas pistas deportivas e un circuíto biosaúdable; a fase II das obras da Cañoteira de Marrozos; e as obras de abastecemento e saneamento en Aríns e Bando para darlle servizo a 45 e 18 vivendas, respectivamente. Segundo apuntou Rafael Peña, o obxectivo é que estas obras se empecen a executar a finais da primavera.

Compartir: