POLÍTICAS SOCIAIS

Adxudicado o novo Servizo de Axuda no Fogar, que duplica o investimento e as horas de atención domiciliaria

23/01/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, deu conta esta mañá da adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar, aprobado onte en Xunta de Goberno.

O novo servizo está dividido en dous lotes (Santiago leste e Santiago oeste), tal e como indica a normativa europea 2014/24/UE. O primeiro dos lotes foi adxudicado a Servisar Servicios Sociales e o segundo a Eulen Servicios Sociosanitarios. Tal e como indicou a concelleira de Políticas Sociais, "isto permitirá mellorar a eficiencia e a atención". Concha Fernández tamén os definiu como "uns pregos absolutamente novidosos e adaptados ás previsións normativas máis recentes".

A contía do contrato ascende a 1.979.656,25 euros ao ano, o que supón duplicar a contía en relación ao último prego aprobado en abril de 2015 e cun total de 3.959.312,50€ para os dous anos. O novo servizo terá unha vixencia de dous anos prorrogables a un máis e permitirá atender un total de 121.658 horas ao ano, o dobre que o que se viña realizando ata o de agora.

Igualmente "queda garantida, como non o estaba no prego de 2015, a posibilidade de incrementar as horas de servizo nun 40% no caso de que a Xunta dera novas altas de usuarios e usuarias". Así, o orzamento previsto de preto de 4 millóns de euros para dous anos podería ser incrementado ata en 1,6 millóns cando ata o de agora o máximo era de case 250.000. Por outra banda, "permitirá atender toda a lista de agarda actual e tamén as solicitudes de libre concorrencia", tal e como explicou Concha Fernández.

Melloras substanciais
Incorpóranse unha serie de melloras que, ata o de agora, eran cuestións optativas que podían ou non ofertar as empresas e que suporá unha mellora moi importante na prestación do servizo. As dúas adxudicatarias teñen que poñer a disposición do servizo camas articuladas, guindastres con arnés e colchóns antiescaras para as persoas con mobilidade reducida e dificultades económicas, así como un número de prazas residenciais para a súa utilización polo Concello nos supostos de urxencia (4 prazas, 2 por lote). Os servizos de perruquería, podoloxía e limpeza de choque tamén serán de obrigada prestación para ambas empresas.

Tamén se responde a unha demanda das persoas usuarias en relación á estabilidade do persoal, así como na prestación do servizo "de tal xeito que non haxa máis de 2 auxiliares cun mesmo usuario ou usuaria". Ademais as empresas teñen que asinar convenios con entidades sociais ou profesionais que atenden a persoas en situación de dependencia. "A día de hoxe", explicou Concha Fernández "teñen xa asinados convenios con entidades como o Colexio de Traballo Social ou Psicoloxía, Agadea e Sarela para a realización de actividades de promoción da sáude".

Compartir: