CONVIVENCIA

Só o 2 % dos vehículos controlados pola Policía Local de Santiago incumprían as condicións técnicas

23/01/2018 A Policía Local de Santiago sumouse á campaña da Dirección Xeral de Tráfico para o control e vixilancia das condicións dos vehículos realizada entre os pasados días 15 e 21 de xaneiro. Dos case 400 vehículos controlados, só oito tiveron que ser denunciados.

A campaña da DXT á que se sumou a Policía Local de Santiago centrouse no control de cuestións técnicas como o estado dos pneumáticos, o seguro obrigatorio ou a ITV. Entre o 15 e o 21 de xaneiro foron controlados 394 vehículos controlados e, deles, un foi denunciado polo mal estado dos pneumáticos, dous por non ter o seguro obrigatorio en vigor, e cinco por circularen coa ITV caducada.

Segundo a DXT, o risco de falecer ou resultar ferido grave nun accidente nun coche con 10 ou 15 anos de antigüidade, duplícase con respecto aos sinistros en vehículos de menos de cinco anos. A antigüidade media do parque de turismos medrou en 4,2 anos no período 2007-2016. Por iso, un axeitado mantemento e posta a punto dos principais elementos de seguridade do vehículo, é dicir, pneumáticos, freos, luces e sinalización, é imprescindible para combater a sinistralidade.

Pneumáticos
O mantemento e correcta utilización dos pneumáticos resultan fundamentais para unha maior seguridade viaria. Aproximadamente, un 5% dos vehículos circula con defectos graves nas rodas. Principalmente por levar unha profundidade do debuxo debaixo do mínimo legal de 1,6 milímetros, por ter un desgaste irregular debido a unha mala suspensión ou unha aliñación incorrecta ou por circular cunha presión errónea. Se ben o límite legal de profundidade das marcas do pneumático é de 1,6 mm, é recomendable que teña como mínimo 3 mm.

Alumeado
O alumeado tamén é un aspecto clave para unha circulación segura. Unha correcta utilización, mantemento e regulación dos faros permite non só dispor de luz suficiente, senón tamén non cegar a quen circula polas mesmas vías públicas.

As lámpadas van reducindo a súa intensidade co uso, polo que deben cambiarse cada 40.000 quilómetros ou aos 2 anos. Débense cambiar de dúas en dúas e hai que manter sempre limpas as ópticas de faros e pilotos.

Matrículas e documentación
As placas de matrícula deben ser perfectamente lexibles e non estar deterioradas. Aínda que non supón perda de puntos, levar unha matrícula ilexible é unha infracción grave. Por outro lado, manipular a placa da matrícula pode supor unha multa de 6.000 euros e a perda de seis puntos.

En canto á documentación do vehículo, ademais do preceptivo permiso de conducir, débese levar obrigatoriamente o permiso de circulación do vehículo no que figuran os datos técnicos do mesmo e os datos do seu propietario, ou unha autorización da Xefatura de Tráfico na súa ausencia, así como a tarxeta da ITV e o adhesivo correspondente visible na lúa dianteira.

Compartir: