TURISMO

O Entroido dos Xenerais da Ulla celébrase do 28 de xaneiro ao 3 de marzo

22/01/2018 Preto de 30 lugares e parroquias da Comarca da Ulla acollerán este ano altos ou atranques do Entroido sos Xenerais da Ulla. Múltiples asociacións veciñais e comisións de festas organizan cada ano esta Festa, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2013, e contan coa colaboración conxunta dos Concellos de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

A novidade máis destacable deste ano é a recuperación dos Xenerais da Ulla no barrio compostelán do Castiñeiriño, onde había case corenta anos que non se celebraba esta tradición. Así, o vindeiro sábado 24 e febreiro, como colofón a temporada do Entroido, a comitiva composta por Xenerais, Correos e os coros de vellos e de bonito, percorrerá a parroquia para rematar cos famosos altos ou atranques no campo da festa.

Cabe tamén destacar a consolidación do alto virtual en Facebook, entre as parroquias de Bama e Fao, do Concello de Touro, que comeza o luns 22 de xaneiro. Trátase de levar a tradicional batalla dialéctica deste particular Entroido ao entorno on-line, onde gaña o bando cuxos versos acumulen máis "gústáme" e, sobre todo, a tradición que se actualiza e salta dos cabalos ás redes sociais. 

Ademais, a exposición fotográfica itinerante dos Xenerais da Ulla, visitará este ano os concellos de Teo, A Estrada e Touro. Trátase dunha exposición de fotografías escollidas, cheas de cor, que recollen a esencia e carácter do entroido rural tradicional dos Xenerais da Ulla. A mostra reúne un total de 60 imaxes, acompañadas de coplas ou atranques.

O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun "exército" de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.

Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito Concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.

Compartir: