MEDIO AMBIENTE

Máis de setenta árbores emblemáticas da Alameda, identificadas cunha nova sinalización

16/01/2018 As árbores máis emblemáticas da Alameda xa están perfectamente identificadas cunha nova sinalización que recolle o seu nome científico, a súa denominación en galego, castelán e braille, e un código QR que permite acceder a máis información sobre a especie a través da web compostelaverde.santiagodecompostela.gal. As placas foron instaladas grazas á colaboración entre o Concello, FINSA e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago.

O alcalde, Martiño Noriega, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, o secretario xeral de FINSA, José Carballo, e a presidenta de Alumni USC, Benita Silva, fixeron hoxe un percorrido pola Alameda para coñecer a nova sinalización, que "pretende contribuír á posta en valor do parque máis histórico de Compostela". Segundo explicou Xan Duro, "quérese facer ver a ampla variedade de exemplares árboreas da Alameda, onde podemos atopar máis de 80 especies distintos". O concelleiro incidiu en que "moitos dos exemplares son únicos, como o chamado Abeto A Perona, un tileiro prateado, a acacia de Constantinopla ou os eucaliptos de máis de 120 anos do Paseo dos Leóns". Tamén lembrou que "cinco das árbores do parque forman parte do catálogo das árbores senlleiras de Galicia".

Proxecto colaborativo
O proxecto para a sinalización da Alameda foi posible grazas á colaboración de FINSA, que se encargou do subministro das placas rotuladas para a identificación das especies. O secretario xeral da empresa, José Carballo, apuntou que "FINSA quere crear valor a partir dos recursos forestais e apostar pola madeira como produto sostible, e este proxecto enmárcase nesa filosofía".
Pola súa parte, Benita Silva, da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago, lembru que este colectivo "prestou asesoramento no proxecto de sinalización das árbores da Alameda, porque entende que forman parte do patrimonio de Compostela que é preciso divulgar".

Compartir: