TURISMO

As Cidades Patrimonio da Humanidade de España estiveron na feira de turismo Vakantiebeurs de Utrecht

15/01/2018 Con esta feira de turismo nos Países Baixos, o Grupo de Cidades Patrimonio inicia un intenso ano de promoción internacional das quince urbes, no marco da celebración do 25 aniversario da entidade. Na feira de turismo e ocio Vakantiebeurs 2018, que se celebrouse entre os días 9 e 14 de xaneiro, participan os principais destinos, empresas e profesionais do sector e está dirixido fundamentalmente ao público final.

A coordinación da asistencia á feira foi asumida pola Oficina de Turismo de España (OET) na Haia e as Cidades Patrimonio, seguindo así o convenio de colaboración con Turespaña, tiveron ao seu dispor un stand propio desde o que mostraron de primeira man os 15 destinos excepcionais e a súa riqueza patrimonial e cultural.

A edición do ano 2017 acadou unha participación de 108.779 visitantes, dos que o 70% buscaba información antes de reservar as súas vacacións. España estivo á cabeza no conxunto de países europeos máis demandados na feira. Os inmediatos seguidores foron Italia e Alemaña.

O mercado neerlandés
Ir de vacacións é unha maneira de consumo moi enraizado entre a cidadanía neerlandesa. Segundo os datos de Turespaña, o 80% da poboación viaxa cada ano cunha media de 3 viaxes por ano. Isto permite a realización de viaxes de diversas características e a media de gasto figura entre as máis elevadas do continente europeo.

A principal motivación é a visita de cidades combinada con cultura. Alemaña foi o país máis visitado por neerlandeses no 2016, aumentando o número de viaxes nun 4% en comparación co 2015. En segundo lugar estivo Francia, cunha baixada de -2,7%. España está no terceiro lugar cunha cota de mercado de 12,1%, sendo un máximo histórico segundo a Axencia Holandesa de Enquisas. En 2016 visitaron o noso país case 3,4 millóns de turistas neerlandeses, isto fai que os Países Baixos sexan o quinto mercado emisor, tanto no que é o fluxo de turistas coma no gasto e pernoctacións en hoteis. Os últimos meses do ano 2017 indican tamén un crecemento do 10% no fluxo de turistas recibidos e a mesma porcentaxe nas pernoctacións hostaleiras.

Plan Operativo de Turismo do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España
O Plan Operativo do Grupo para 2018 seguirá coa liña de promoción, representación e comercialización das quince cidades que levan o selo de Calidade Excepcional. Este selo permite formar parte da lista de Patrimonio Mundial da UNESCO. Para esta ocasión, o Plan estará marcado tamén polas celebracións do 25 Aniversario da creación do Grupo e contará con diversas celebracións e accións conmemorativas.

Tamén se realizarán presentacións directas e exposicións en Europa, Norteamérica e Asia. Durante todo o ano está prevista a participación nos principais eventos e feiras nacionais e internacionais do sector, tanto en mercados emerxentes coma consolidados. Como exemplo, FITUR en Madrid, Vacances en Bruxelas, Reisen Hamburg en Hamburgo e outras máis.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993. O obxectivo é traballar de maneira conxunta na defensa e promoción cultural e turística do patrimonio das quince cidades cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio Mundial: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo y Úbeda

Compartir: