XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local solicítalle ao Consorcio a cesión das instalacións do complexo deportivo Fontes do Sar

12/01/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe solicitarlle ao Consorcio de Santiago a cesión gratuíta das instalacións do complexo deportivo Fontes do Sar a favor do Concello, por un prazo de 30 anos. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que o obxectivo da proposta é "facilitar a xestión das instalacións e favorecer a realización das necesarias actuacións de actualización das dependencias deportivas".

O alcalde lembrou que o titular do complexo Fontes do Sar é o Consorcio, que no ano 2000 encomendoulle a xestión das instalacións ao Concello. Esa encomenda canalizouse a través da sociedade mixta Xade, que na actualidade ten maioría privada. Martiño Noriega explicou que esta situación dificulta a renovación das instalacións, porque "o Consorcio non asume as actuacións ao ter feita a encomenda de xestión, e Xade tampouco porque existe unha limitación temporal na súa responsabilidade no complexo". A cesión de uso suporía que o Concello "recuperaría autonomía sobre o Multiúsos e podería definir o seu modelo de xestión a máis longo prazo".

O alcalde mostrou o seu desexo de que a cesión do complexo deportivo en favor do Concello quede resolta ao longo deste ano, e incidiu en que "esta posibilidade xa foi analizada no seno do Consorcio, que mostrou a súa disposición a asumir a proposta, se ben hai que agardar á tramitación por parte do Goberno central".

Liñas de autobús
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe prorrogar os contratos con tres empresas de transporte colectivo de viaxeiros para a xestión de cadansúa liña. Así, prorrogáronse os contratos asinados con Autos Gravanxa para a liña que comunica o Polígono do Tambre coa rúa da Rosa; con Autos Carballo, para a liña que une o centro de Santiago coa Peregrina e con extensións a Ponte Alvar; e con Hermanos Ferrín S.L, para a liña que comunica o centro de Compostela con Reborido. En todos os casos, a prórroga é dun ano, a contar dende o 1 de xaneiro de 2018 ata o 31 de decembro de 2018.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: