DEPORTE

O programa "San", impulsado pola Concellaría de Deporte, recibirá unha distinción na Gala do Atletismo Galego

11/01/2018 O Concello de Santiago vén de coñecer que o programa San, impulsado polo Departamento de Deporte do Concello, será galardoado cunha distinción pola súa implicación na difusión e promoción do atletismo en Galicia.

A concelleira de Deporte, Noa Morales, será a encargada de recoller este premio mañá venres, a partir das 19:30 horas, na Gala do Atletismo Galego que se celebra no Barco de Valdeorras.

O Concello puxo en marcha este programa San no ano 2012 para a promoción de hábitos de vida saudables entre a poboación compostelá e para o fomento do atletismo na nosa cidade. Entre as accións máis características atópase o Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan, que en 2017 cumpriu seis edicións. Trátase dun conxunto de probas para concienciar á cidadanía dos beneficios de facer deporte para a mellora da súa saúde e da súa calidade de vida. Este conxunto de probas tamén traslada o deporte ata os barrios e zonas onde xa se practican diferentes actividades deportivas, en especial o atletismo.

O circuíto está aberto á participación de calquera deportista, habitual ou eventual, que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico en diferentes contornas da cidade. Nas probas teñen cabida atletas de case todas as idades, con distancias adaptadas a cada categoría.

Compartir: